TURISMO

Turismo de Santiago achegará as curtametraxes a 540 persoas maiores de toda Galicia

17/09/2008 As grandes curtas é un programa de curtametraxes pensando especialmente para os maiores. Incluído no Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto, esta iniciativa traerá a Santiago a 540 deste maiores procedentes de toda Galicia, que verán unha selección de curtametraxes e visitarán a cidade.

O dos maiores é un deses colectivos tradicionalmente alonxados dos circuítos de proxección de curtametraxes. Con esta premisa, o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e a secretaria xeral de Benestar da Xunta, María Xesús Lago, presentaron en Raxoi o programa As grandes curtas.

Este é un proxecto no que o elemento central será unha proxección de curtametraxes seleccionadas especificamente para o colectivo de persoas maiores, pero que comprenderá tamén distintas actividades en Santiago, que permitirán aos asistentes pasar un día diferente.

O programa está composto por unha escolma de sete curtas, seleccionadas especialmente para persoas maiores. Partindo dunha desenfadada comedia sobre o sexo na terceira idade (La primera vez, de Borja Cobeaga), Curtocircuíto propón unha viaxe por diferentes temáticas e formatos, na que terán cabida o fútbol (Temporada 92-93, de Alejandro Marcoa), os netos (As de corazones, de Silvia González), a felicidade (Un hombre feliz, de Isabel Lucina Gil), a Soedade (Mata rel tiempu, de Santos Hevia), a lingua (Good night mon AMI, de Algarabía Animación) e o amor (El puzzle, de Belén Macías). Unha escolma que quere achegar dun xeito interesante as curtametraxes ás persoas maiores.

Durante nove días de outubro, novembro e decembro, grupos de 60 persoas maiores visitarán Santiago. Un autobús recolleraos en centros de toda Galicia para achegalos a Compostela onde, despois de asistir á proxección de curtas no Teatro Principal, xantarán nun restaurante da cidade e farán un percorrido turístico adaptado para eles. Un autobús devolveraos ás súas cidades ao final da xornada.

Esta actividade comezará o 17 de outubro, cando se inaugura a Semana Oficial do Festival, que rematará o 24 de outubro.

Compartir: