DEPORTES

O Pedroso decidirá os campións do Open Galego de Descenso en Mountain Bike

16/09/2008 O Monte Pedroso acollerá, o domingo 21 de setembro, o II Gran Premio Santiago DH, última proba do Open Galego de Descenso en Mountain Bike. A proba decidirá por segundo ano consecutivo aos campións desta competición nas distintas categorías: elite, sub 23, júnior, feminina, cadete, máster 30, máster, senior e promoción.

O Concello de Santiago e a Fundación Compostela Deporte colaboran co club compostelán Santiago DH na organización deste evento. Na súa presentación, o vicepresidente da Fundación e concelleiro de Deportes, Andrés Fariña, subliñou o "atractivo" a proba compostelá por decidir esta os gañadores do campionato galego e lembrou que o evento de 2007 "desbordou as previsións de público e participantes feitas polo club". "A misión do Concello de Santiago é dar facilidades para seguir fomentando unha iniciativa, nun deporte de pouca participación, que xurdiu o ano pasado e que tivo tanto éxito, así como potenciar este tipo de probas en paraxes naturais ideais para a práctica destas disciplinas deportivas", engadiu.

O corredor federado do CC Santiago DH Manuel Paz, explicou que o II Gran Premio Santiago DH Pedranor terá un formato de dúas mangas cronometradas. O gañador en cada unha das categorías sairá do mellor tempo feito nalgunha das dúas mangas. Tanto a primeira, que comezará ás 11:00 horas, sobre as 13:00 horas, son válidas. Ademais, os afeccionados a esta disciplina deportiva, que rexistra un interese crecente por parte da xuventude, tamén poderán presenciar os adestramentos que se realizarán o sábado 20 de setembro dende as 15:00 ata as 20:00 horas. E o mesmo día da proba das 08:30 ás 10:30 horas.

Paz indicou que a participación podería estar entre os 130 e os 150 corredores entre todas as categorías. En canto ao circuíto do Monte Pedroso, indicou que é "un percorrido aproximado de 3 quilómetros. A saída será dende a caseta do garda e finalizará no portalón da Selva Negra. Hai un primeiro tramo que ten unhas curvas moi rápidas nunha zona pedregosa. Logo hai engadidos tres saltos artificiais e a continuación, na zona do merendeiro, un salto de aproximadamente dous metros de altura, unhas curvas e logo outro salto. Despois a proba discorrerá por un sendeiro que desemboca na Selva Negra.

Abel Rial, corredor federado cadete do Santiago DH, alentou "aos rapaces que non coñecen este deporte a que se acheguen ao Pedroso para ver o Gran Premio", co obxecto de que se animen a comezar a súa práctica. Os circuítos de descenso son todo o contrario a un paseo polo monte, case non se utilizan camiños xa feitos. Estes circuítos, que deben estar debidamente preparados e sinalizados para un correcto desenvolvemento do evento (limpos de maleza e cintas delimitando o percorrido), soen ter moita inclinación e diferentes tramos.

Neste tipo de probas, que se celebran en contornos naturais, é moi importante que o acondicionamento do circuíto respecte a conservación do mesmo, limpándoo de maleza, de xeito que o monte estea máis controlado (contra incendios, depósitos de lixo, etc) e de levar á xente a unha concienciación ecolóxica de conservación e vixilancia do monte.

Compartir: