TURISMO E CULTURA

O cinema en 3-D chega a Curtocircuíto

15/09/2008 O Festival Internacional de Curtametraxes Curtocircuíto continúa apostando pola formación e a innovación entre as súas actividades. Así, dentro da Semana Oficial do certame, entre o 17 e o 24 de outubro, o produtor Enrique Criado visitará Santiago para impartir unha "master class" no Teatro Principal, na que falará das fases de produción dunha película en tres dimensións e do proceso técnico preciso para levala a cabo. Como exemplo práctico proxectaranse varias curtametraxes en 3-D. Os interesados poderán inscribirse a través da páxina web do Festival www.curtocircuito.org a partir do 29 de setembro.

A estereoscopía é unha técnica punteira para crear a ilusión de tridimensionalidade na imaxe. Enrique Criado leva dez anos dedicado á investigación e ao asesoramento en este tipo de producións. É presidente e cofundador de Enxebre Entertainment, unha produtora galega especializada en 3-D, supervisou unha quincena de producións en tres dimensións e impartiu conferencias en Los Ángeles para o "Directors Guild of America" (o sindicato de directores máis importante de Hollywood) e en cidades como Múnic ou Amsterdam. Tamén foi asesor técnico sobre estereoscopía para a productora de George Lucas na proxección en España da curta en 3-D "A guerra das Galaxias".

Nesta V edición do Festival realizaranse 3 obradoiros de formación máis. Como xa ocorrera en 2006 co Seminario de iniciación á interpretación e co programa de Curtas para Nenos que se iniciou en 2007 (e que terá continuidade na presente edición), Curtocircuíto reserva un espacio para os más cativos, celebrando para eles un Obradoiro de animación en plastilina. Tamén organizará unha "master class" sobre a mesma materia para os alumnos de Comunicación Audiovisual da USC e prepara, para os profesionais do sector, o obradoiro de postprodución e mestura de son e a "master class" sobre estereoscopía.

Compartir: