TURISMO

Santiago promociónase en Xapón

15/09/2008 Turismo de Santiago estará presente na Feira de Jata, que se celebrará entre o 19 e o 21 de setembro. Trátase do evento de promoción turística máis importante de Xapón. Turismo de Santiago estará presente no pavillón de España, onde contará cun expositor propio. O obxectivo é promocionar a cidade nun dos mercados turísticos máis importantes de Asia.

No conxunto do 2007, nas oficinas de Turismo de Santiago atendéronse 582 consultas de xaponeses. Entre xaneiro e agosto, o número de consultas atendidas foi de 745. Nos vindeiros anos, grazas a promoción da cidade no país nipón, esperase que estas cifras vaian medrando.

A presenza de Santiago en Xapón non se reduce á asistencia á Feira de Jata. Tamén levará a cabo actos de promoción conxunta co Camiño de Kumano, irmán do de Santiago. Ambos camiños son os únicos do mundo que están declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Comparten tamén a súa esencia relixiosa, espiritual, cultural e medioambiental. O Camiño de Kumano, que se estende pola prefectura de Wakayama, é unha ruta que une tres lugares sagrados para a cultura xaponesa: o Yoshino Omine, un lugar para o auto adestramento; o Kumano Sanzan, centro da crencia en Kumano; e Koyosan, a capital do Budismo Shingon.

O 17 de setembro, Turismo de Santiago, xunto con representantes da cidade de Tanabe, presentará o proxecto conxunto de promoción de ambos camiños á INTO, que é a entidade de promoción do Turismo xaponés, semellante a Turespaña. O día 18 tamén amosarán o Camiño de Santiago ante 150 axentes de viaxes de Asahi Tours, que é o maior turoperador cultural de Xapón. Turismo de Santiago tamén terá un papel destacado na presentación que Turespaña fará dos destinos culturais españois ante axentes de Mikami Travel, unha das axencias xaponesas que máis movementos fai con Europa.

Turismo de Santiago, coa súa presenza na Feira de Jata, continúa deste xeito posicionando a Santiago como un destino cultural e espiritual en Xapón. Entre o 12 e o 18 abril deste 2008 xa estivo presente nas Xornadas das Cidades Patrimonio que se desenvolverón no país asiático, onde se realizaron diferentes actividades de promoción da cidade e se afianzaron os nexos de unión cos representantes do Camiño de Kumano.

Compartir: