DEPORTES

Santiago celebrará o seu XVII Día da Bicicleta o domingo 25

23/09/2005 O orzamento para a realización desta actividade, aprobado na pasada Xunta de Goberno do 19 de setembro, é de 6.600 euros.

Un ano máis, no último domingo de setembro a bicicleta convértese na protagonista das rúas da cidade. Todos os composteláns que este 25 de setembro saian á rúa coas súas bicicletas e cos seus cascos poderán disfrutar dunha xornada diferente, de convivencia e de lecer, que este ano chega á súa XVII edición.

Na homenaxe a este vehículo tan popular poderán participar todas as persoa maiores de sete anos que o desexen. Para inscribirse, os participantes deberán dirixirse ao Departamento de Relacións Externas (Planta Baixa) do Centro Comercial Compostela ou ao Departamento de Deportes (Estadio de San Lázaro) ata o sábado 24 de setembro ás 22.00 horas. Tamén poderán inscribirse o mesmo día da carreira, ás 10.00 horas na liña de saída, na rúa do Restollal, na fachada principal do Centro Comercial Compostela. Todos os inscritos recibirán un agasallo.

Ao finalizar a proba, os participantes inscritos con anterioridade ao día da carreira participarán no sorteo de bicicletas, cascos, mochilas e outros materiais relacionados coas bicicletas. Os premiados deberán presentar o impreso numerado para poder retirar o agasallo.

A carreira sairá do Panxonal (fronte ao Hipercor) e trancorrerá polas rúas Amor Ruibal, Hórreo, Praza de Galicia, Fonte de San Antonio, Virxe da Cerca, Porta do Camiño, Rúa Ramón de Valle Inclan, Colexio La Salle, San Roque, Santa Clara, Basquiños, San Caetano, Camiño Francés, Rúa de París (Fontiñas), Rúa de Londres, Multiusos do Sar, Rúa Diego Bernal, Ponte do Sar, Castrón d´Ouro, Curros Enríquez, Santiago de Guayaquil, República do Salvador, Alfredo Brañas, República Arxentina, Praza Puente Castro, Hórreo, Senra, Porta Faxeira, Rúa do Pombal, Galeras, Salvadas, Vista Alegre, Avda. de Castelao, Burgo das Nacións, Xoán XXIII, San Francisco e Praza do Obradoiro.

Compartir: