PROMOCIÓN ECONÓMICA

O programa Crear V orientará a 75 persoas na busca de emprego

12/09/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Proxecto Crear V, que ten como obxectivo facilitar o acceso ao mercado laboral a persoas con especiais dificultades de inserción ou reinserción: mulleres, mozos sen emprego anterior, desempregadas/os de longa duración, inmigrantes e emigrantes retornados e mulleres e homes con algún tipo de discapacidade. Este programa experimental de emprego contará con 75 participantes.

O orzamento do Proxecto Crear V é de 125.647,06 euros, cofinanciados pola Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo e o Fondo Social Europeo. Esta cantidade divídese en duas anualidades, 80.680,44 euros para o ano 2008 e 44.966,62 euros para o ano 2009, xa que está previsto que o programa remate o 31 de marzo do ano que ven. Os obxectivos de inserción fixados pola Xunta de Galicia son de 26 participantes, o 35% do total. Este porcentaxe superouse no Crear IV, no que se acadou un 55% de insercións.

As persoas usuarias do Proxecto Crear reciben formación e asesoramento para acadar un emprego axeitado ás súas expectativas e capacidades a través da posta en marcha de Itinerarios Persoalizados de Inserción.

Despois dun primeiro contacto, os titores do programa realizan titorías persoalizadas, onde as/os usuarias/os van perfilando o seu plan persoal de inserción. Trátase dun itinerario adaptado ás súas expectativas, capacidades, potencialidades, aptitudes, experiencia, formación e preferencias. Unha vez concretado o plan persoal de inserción, no que se definen os perfis profesionais das/os participantes, desenvólvense obradoiros formativos á carta, orientados a mellorar as habilidades e posibilidades de inserción. O Proxecto Crear V contará con 6 titores. A proposta formativa está integrada por 42 cursos que suman 880 horas lectivas.

A seguinte etapa é a de achegamento á empresa, con prácticas ocupacionais para os usuarios que carecen de experiencia, sensibilización do tecido empresarial e colaboración con axentes sociais. Tendo en conta os recursos destinados a emprego e a análise do mercado de traballo búscanse ofertas axeitadas aos perfis dos demandantes. Nesta labor de intermediación laboral remítense os currículums ás empresas fidelizadas e/ou que colaboran co programa e a aquelas que ofertan demandas de emprego. No Proxecto Crear IV remitíronse demandas de emprego a 134 empresas fidelizadas, realizouse unha prospección empresarial sobre 602 firmas, e visitáronse 161 empresas.

Neste proceso, as persoas participantes contan con talóns de desprazamento para que a asistencia aos cursos ou ás entrevistas de traballo non lles supoña un custo, e un servizo de asesoramento e imaxe persoal. A última fase do Proxecto Crear é a de seguimento das persoas que non conseguiron insertarse laboralmente. Aquelas que accederon ao mercado laboral pero buscan mellorar as súas expectativas de emprego intégranse na Bolsa de Emprego.

Compartir: