CULTURA

'Turismo infinito' do Teatro Nacional de Sao Joâo chega a Compostela con Teatro e Danza En Xira

10/09/2008 A cuarta proposta de Teatro e Danza En Xira, un ciclo que achega a Compostela algunhas das propostas escénicas máis interesantes do panorama peninsular contemporáneo, achégase ao país veciño con Turismo Infinito, peza dunha das compañías lusas máis reputadas, o Teatro Nacional de Sâo Joâo. A obra foi presentada pola concelleira de Cultura, Socorro García Conde; o director da obra, Ricardo Pais; o xerente do Auditorio, Paulo Rodríguez; e Ana Salgado, representante de Caixa Galicia.

Turismo infinito artéllase arredor de varios textos de Fernando Pessoa e tres cartas de Ofélia Queirós para nos presentar unha sucesión de voces e personaxes, organizada en bloques de texto. A obra conta cun elenco que reúne a algúns dos mellores actores lusos: Joao Reis, Emília Silvestre ou Pedro Almendra.

A obra estrutúrase en varios bloques que ilustran distintas personalidades que Fernando Pessoa confería aos seus textos. O primeiro bloque da peza ocúpana os personaxes de Bernardo Soares e Álvaro de Campos. Soares representa a Pessoa por defecto, un interrupto desconcerto, Namentres, de Campos, enxeñeiro Naval, é Pessoa por exceso.

No segundo bloque os autores son Álvaro de Camos e Fernando Pessoa. O texto deste último pertence á súa fase interseccionista. Dúas experiencias diferentes crúzanse no mesmo texto, unha paisaxe e un porto de mar, nunha transición onde se xunguen a autobiografía e a creación poética.

No terceiro bloque exhíbese o resultado sádico dos impases descritos nos textos anteriores como diversas tentativas de reparalos. Ese esforzo de reparación parece ineficaz, pois moitas veces redunda cunha contracción sentimental do suxeito. O epílogo introduce a Alberto Caeiro en quen Pessoa vía a resolución olímpica desas tensións interiores insalvables.

Compartir: