TURISMO

Salsorro quere consolidarse como o evento de salsa máis importante de Europa

10/09/2008 A sétima edición do Festival Internacional Salsorro, que se celebrará en Santiago entre o 7 e 9 de novembro, ten coma obxectivo convertirse no evento máis importante de salsa de Europa. O ano pasado Salsorro foi o segundo evento de salsa con maior número de participantes, tras o UK Congress 2007. Sen embargo, o evento inglés aplázase ata xaneiro do 2009, polo que Salsorro será o evento de referencia no continente neste ano 2008.

Ata o momento, dous meses antes da celebración do Festival, hai xa 1.000 persoas inscritas, procedentes tanto de Europa como de América. Pero nesta edición tamén hai persoas que acudirán doutros países menos habituais neste tipo de eventos, como Sudán ou Dubai, sinal do alcance internacional do evento.

Salsorro, presentado hoxe no Pazo de Raxoi polo concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, e os organizadores do evento, Diego Berea e Alfonso Noya, ofrece unha ampla variedade de actividades para os asistentes, tanto para os profesionais do baile como para os afeccionados. O Festival reunirá a unha vintena de compañías de baile procedentes de Europa e América para impartir clases e amosar os seus últimos espectáculos.

Entre as compañías e bailaríns que estarán presentes en Salsorro 2008 destacan Santo Rico (Nova York), Tropical Gem (Milán), Adolfo e Sheila (Nova York), Hacha e Machete (Boston), Maykel Fonts e Kirenia (Cuba), Juan Matos (Nova York), Flamboyan Dancers (Milán) ou Tito e Tamara (Porto Rico). Tamén estarán presentes a parella campiona do mundo na especialidade de salsa nos anos 2007 e 2008, Adrián e Anita, coñecidos pola súa participación no programa de TVE Mira quien baila. Tamén estarán presentes os campións de España 2008, Sabrina Kacheroff e Miguel Ángel Bastida.

Os participantes en Salsorro tamén poderán disfrutar co musical Fantasia, creado por Fernando Sosa, da compañía Tropical Gem, e Marco Berreta, de Flamboyan Dancers. Fantasia ten dúas horas de duración e nel participan en escena 25 bailaríns e cantantes. Ademais poderán asistir a unha conferencia impartida por Albert Torres, organizador do congreso de salsa de Los Angeles, sobre a historia da salsa, na que porá música da súa colección privada que inclúe grabacións dende o ano 1912.

Salsorro 2008 inclúe no seu programa doce horas de talleres formativos con tres niveis diferentes, iniciación, intermedio e avanzado, para que poidan acudir ao evento tanto persoas que se están iniciando na salsa como persoas que levan anos bailando e queren mellorar o seu nivel. Tamén haberá unha decena de clases mestras e diversos seminarios para profesionais.

Para máis información e material gráfico pode consultarse:
http://www.salsorro.com/salsorro2008/prensa.php

Compartir: