PROMOCIÓN ECONÓMICA

O 30 de setembro remata o prazo para solicitar subvencións destinadas a novas empresas

09/09/2008 O 30 de setembro remata o prazo para solicitar as Axudas para a creación de novas empresas e para presentarse ao Concurso de novas ideas empresariais. Ambas convocatorias, que contan cun orzamento conxunto de 68.000 euros, enmárcanse no programa de promoción do emprendemento Compostela Activa 2008 que leva a cabo a Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo. Este programa ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago.

A Concellaría destina 40.000 euros á liña de Axudas para a creación de novas empresas. Poden beneficiarse destes incentivos aquelas empresas que iniciaran a súa actividade entre o 31 de agosto de 2007 e o 30 de setembro de 2008 e teñan a súa sede no Concello de Santiago. Cada firma poderá obter ata 2.000 euros, que poden cubrir o 100% dos gastos subvencionabeis.

Terán a consideración de gastos subvencionabeis os considerados como correntes e de primeiro establecemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2008 nos seguintes conceptos e excluídos impostos: Existencias iniciais de mercadorías, Gastos de arrendamentos: locais e/ou equipos, Primas de seguros, Abastecementos e gastos correntes, Gastos de formalización de constitución da sociedade se é o caso. O investimento en activos fixo e as axudas directas á contratación de traballadores quedan exceptuadas desta axuda.

O Concurso de Novas Ideas Empresariais conta cun orzamento de 28.000 euros e divídese en tres categorías diferentes: Novas Ideas Empresariais Edición Xeral e Novas Ideas Empresariais promovidas por mulleres, con tres premios cada unha delas de 5.000, 4.000 e 3.000 euros; e Novas Ideas Empresariais promovidas por persoas tituladas en Formación Profesional cun único premio de 4.000 euros.

As persoas interesadas tanto no Concurso de novas ideas empresariais como nas Axudas para novas ideas empresariais poden recibir unha asesoría persoalizada no Servizo de Apoio ao Emprendemento da Concellaría de Promoción Económica, situado no Estadio de San Lázaro, Porta 9, có teléfono 981 54 24 93, en horario de 09.00 a 14.00 horas. As bases do programa, publicadas no BOP de A Coruña do 28 de agosto do 2008, poden consultarse na páxina da Concellaría de Promoción Económica: www.maiscompostela.org.

Compartir: