CULTURA

A canción francesa será o fío condutor do IX Ciclo de Lied

08/09/2008 Esta mañá deuse a coñecer en rolda de prensa o IX Ciclo de Lied, que organizan a Concellaría de Cultura, a Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo e mais a Asociación Galega da Lírica (AGL). A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, e o presidente da AGL, Víctor Carou, presentaron a programación do ciclo, que este ano irá dedicado á canción francesa.

A edil de Cultura destacou que se trata xa dunha oferta consolidada, "estable e coñecida", despois de nove anos, e que é un proxecto que se mantén e vai medrando co apoio do público. O Ciclo de Lied de Compostela é un referente en España, onde só existen outros dous programas de semellantes características, e o único que se organiza arredor dunha temática.

Socorro García resaltou tamén que iniciativas como o ciclo de Lied enriquecen a programación cultural de Santiago e concretamente "a programación do Teatro Principal". Na mesma liña quixo felicitar á AGL polo seu bo traballo durante estes últimos anos e pola "enorme calidade das súas propostas, non só do punto de vista da proposta artística, senón tamén nos materiais divulgativos que ofrecen".

IX Ciclo de Lied
Desta volta, o ciclo terá a canción francesa como fío condutor e 'L'invitation au voyage' como título. O martes 9 abrirase cunha conferencia sobre A canción francesa no Paraninfo da Universidade, ás 20 horas, a cargo do pianista londiniense Roger Vignoles, que acompañará musicalmente os catro concertos do ciclo.

O mércores 10 cantará a soprano Anne Schwanewilms; o mércores 17, o barítono Peter Harvey; o martes 30, a soprano Elizabeth Watts, e o venres 3 de outubro o barítono Thomas Allen. En todos os casos, os concertos serán no Teatro Principal ás 20:30 horas. O prezo das entradas será de 6 euros e o abono para as catro actuacións, de 15 euros.

Tanto Víctor Carou como Socorro García coincidiron en afirmar que se trata dun xeito doado e económico de asistir a un xénero que se pode considerar minoritario dentro da música clásica, pero que conta cun público fiel e crecente en Compostela.

Compartir: