CULTURA

Este luns publícase o censo provisorio do Consello de Compostela Cultura

05/09/2008 O próximo luns a Concellaría de Cultura de Santiago publicará o censo de entidades que terán dereito a participar como electoras e elixibles no Consello de Compostela Cultura. Este censo provisorio poderá ser consultado no taboleiro de anuncios do Concello no Pazo de Raxoi ou nas webs santiagodecompostela.gal e compostelacultura.org

Así mesmo, abrirase un prazo de 10 días hábiles –o comprendido entre o 9 e o 19 de setembro, ambos inclusive- para formular alegacións, solicitudes de cambio de adscrición ou a inclusión no censo. As alegacións e solicitudes, dirixidas á Concellaría de Cultura e Centros Socioculturais, entregaranse no Rexistro Xeral do Concello (Rúa Presidente Salvador Allende, 4) de luns a sábados en horario de 9:00 a 14:00 h.

As asociacións que soliciten a súa inscrición no Censo e non estean inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións teñen que formalizar tamén a súa inscrición no citado Rexistro. A publicación do censo definitivo efectuarase o luns, 29 de setembro.

Para calquera dúbida ou información sobre este proceso dirixirse ao Departamento de Cultura, Teatro Principal, Teléf. 981 54 23 47, correo electrónico consellocultura@compostelacultura.org

Consello Compostela Cultura
O Consello de Compostela Cultura xorde coma un organismo consultivo que actuará como dinamizador, coordinador e impulsor da política cultural do Concello. Na súa composición reflectirase a pluralidade de axentes que interveñen na política cultural municipal. A súa implicación neste órgano de participación debe permitir a confluencia da cidadanía e do concello na definición de estratexias culturais da cidade.

Serán funcións do Consello, entre outras, propoñer o ámbito de intervención prioritario das políticas culturais, formular propostas e planos de actuación municipal, propoñer mecanismos de coordinación entre os axentes culturais, emitir informes, participar na avaliación das actuacións municipais e fomentar a vida asociativa no ámbito cultural.

Este órgano estará composto, ademais de polos representantes municipais, do Consello Municipal de Centros Socioculturais e do Auditorio de Galicia, por representantes da Consellería de Cultura e Deporte, da Universidade, do Consello da Cultura Galega, das fundacións culturais , das industrias culturais, dos grupos de artes escénicas e musicais amadores, do asociacionismo e dos artistas e creadores. Este Consello renovarase cada catro anos.

O Consello de Compostela Cultura reunirase ordinariamente unha vez por cuatrimestre e, con carácter extraordinario, por convocatoria do seu presidente ou cando así o solicitaran un terzo dos seus membros. Poderá formar comisións no seu seo, que facilitarán a súa funcionalidade.

Compartir: