PROMOCIÓN ECONÓMICA

Promoción Económica destina 68.000 euros para a creación de empresas e para o desenvolvemento de proxectos empresariais

03/09/2008 O Concello destina 68.000 euros ás convocatorias do programa Compostela Activa 2008 de promoción do emprendemento. 40.000 euros son para a liña de Axudas para a creación de novas empresas e 28.000 euros para o Concurso de novas ideas empresariais. O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de setembro. Este programa ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago.

Poden beneficiarse das axudas para a creación de novas empresas aquelas que iniciaran a súa actividade entre o 31 de agosto de 2007 e o 30 de setembro de 2008 e teñan a súa sede no Concello de Santiago. Cada firma poderá obter ata 2.000 euros, que poden cubrir o 100% dos gastos subvencionables.

Terán a consideración de gastos subvencionables os correntes e de primeiro establecemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2008 nos seguintes conceptos e excluídos impostos: Existencias iniciais de mercadorías, Gastos de arrendamentos: locais e/ou equipos, Primas de seguros, Abastecementos e gastos correntes, Gastos de formalización de constitución da sociedade se é o caso. O investimento en activos fixo e as axudas directas á contratación de traballadores quedan exceptuadas desta axuda.

O concurso de novas ideas empresariais conta con tres categorías diferentes: Novas Ideas Empresariais Edición Xeral, Novas Ideas Empresariais promovidas por mulleres, e Novas Ideas Empresariais promovidas por persoas tituladas en Formación Profesional.

En total establécense os seguintes premios: Novas Ideas Empresariais Edición Xeral e Novas Ideas Empresariais promovidas por mulleres, con tres premios cada unha delas: o primeiro de 5.000 euros, o segundo de 4.000 e o terceiro de 3.000 euros; e Novas Ideas Empresariais promovidas por persoas tituladas en Formación Profesional cun único premio de 4.000 euros.

As persoas interesadas tanto no Concurso de novas ideas empresariais como nas Axudas para novas ideas empresariais poden recibir unha asesoría persoalizada no Servizo de Apoio ao Emprendemento da Concellaría de Promoción Económica, ubicado no Estadio de San Lázaro, Porta 9, co teléfono 981 54 24 93, en horario de 09.00 a 14.00 horas. As bases do programa, publicadas no BOP (Boletín Oficial da Provincia) de A Coruña do 28 de agosto do 2008, poden consultarse na páxina da Concellaría de Promoción Económica: www.maiscompostela.org.

Compartir: