Facenda e Orzamentos

O Concello de Santiago espera recadar 16.700.000 de euros do IBI

19/09/2005 Os titulares dos 1.735 inmobles suxeitos ao IBI poderán pagar o imposto ata o 21 de novembro.

O concelleiro de Facenda e Orzamentos, Xoaquín Fernández Leicega, presentou as modificacións, exencións e bonificacións aos que está suxeito o IBI para o exercicio de 2005. O Concello, segundo explicou Leiceaga, espera recadar para o exercicio deste ano, 16.700.000 de euros do IBI, dous millóns menos do previsto.

As bonificacións serán por familia numerosa, as cales poderán aforrar unha media de 100 euros, por ausencia de servizos básicos nalgúns lugares do rural, aparte das establecidas na lexislación, entre as que se atopa a bonificación por vivendas protexidas. En total, 3.600 recibos están suxeitos a algún tipo de bonificación, o que lle custa ao Concello de Santiago aproximadamente uns 8.000 euros. Dos 433 inmobles exentos do pago do IBI, máis da metade son do Concello. Se estas dependencias tributaran, a recadación ascendería a un millón de euros, segundo explicou o concelleiro.

Leiceaga sinalou que o imposto sube un pouco menos do 3% con respecto ao ano anterior, o que se traduce en menos de 7 euros. Tamén indicou que o valor catastral do inmoble promedio en Santiago de Compostela é de 43.000 euros, correspondéndolle un IBI de 222 euros.

O progresivo aumento da confianza dos cidadáns na xestión do Concello traduciuse, segundo o concelleiro, nun incremento do número de domiciliacións, que ascenden xa a un 37%. Espérase cobrar máis do 90% dos recibos en período voluntario, un 10% máis que o ano pasado.

Ademais, Leiceaga anunciou que o Concello está a negociar coa Universidade que no futuro esta poida quedar exenta do pago deste imposto. A firma do convenio dependerá de que a USC asuma o pago da débeda que ten acumulada nesta materia.

Compartir: