PXOM

A Xunta aproba definitivamente a totalidade do PXOM de Santiago

02/09/2008 O alcalde amosou a súa "inmensa satisfacción" polo acordo da Xunta, posto que "todos os obxectivos previstos no Plan Xeral de Ordenación Municipal están garantidos ao 100%".

A Consellería de Política Territorial aprobou o martes 2 de setembro de xeito definitivo a totalidade do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Santiago de Compostela. O alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo expresou a súa "inmensa satisfacción e un suspiro de alivio", agradecendo á Consellería o acordo e resaltando o "esforzo político realizado polos responsábeis e técnicos do Concello".

O alcalde sinalou que Santiago de Compostela é a día de hoxe "a única cidade galega cuxo PXOM está aprobado na súa totalidade –Vigo teno de momento parcialmente aprobado- adaptado á nova Lei do Solo e que debuxa a nosa cidade ata o ano 2024".

O 13 de xuño de 2001 Bugallo anunciaba o inicio dos traballos para a redacción do novo PXOM. Tras sete anos de "traballo intensísimo", segundo explicou, que comezaron coa redacción do prego de condicións e a convocatoria para seleccionar o equipo redactor do plan, finalmente adxudicado á Oficina de Planeamento que dirixe Ánxel Viña. Tras a redacción do plan que definía as grandes magnitudes e obxectivos, foi sometido a exposición ao público. Presentáronse unhas 300 alegacións, a partir do que se redactou o proxecto completo do PXOM. Durante este proceso, afrontáronse unha serie de vicisitudes, entre outras, os cambios da Lei do Solo en 2003 e 2004. En 2005 o documento aprobouse inicialmente e presentouse á exposición ao público por varios medios. O alcalde dixo que foron contestadas unhas 3.000 alegacións de propietarios particulares e unhas mil referidas na súa maioría á construción dunha praza pública en Salgueiriños.

Ao fin, o 4 de outubro de 2007 a Xunta aprobou definitivamente pero de xeito parcial o PXOM. Entre outros, deixou pendentes 17 dos 45 solos urbanizábeis non limitados e suspendidos 37 núcleos rurais dos 139 previstos, segundo explicou Bugallo.

Tras corrixir as deficiencias detectadas pola Dirección Xeral de Urbanismo, revisión que o alcalde cualificou de "traballo excepcional" que describe "o esforzo e a convición profunda que ten o Concello no planeamento urbanístico", unha aposta que permitiu, por exemplo, que o Plan Especial do Casco Histórico fora Premio Europeo de Urbanismo.

O alcalde quixo resaltar do novo PXOM a aposta decidida e plena pola vivenda protexida –máis do 40% das vivendas que se planean construír son protexidas- e polo solo industrial e terciario, que se cuadriplica, pasando dos dous millóns de metros cadrados que hai actualmente a oito millóns. Tamén destacou a aposta polas dotacións en equipamentos diversos e zonas verdes, cunha previsión, ao remate do plan, de corenta metros cadrados de zonas verdes por habitante, cando o estándar dunha cidade modelo como Londres é de 12 metros cadrados.

Compartir: