XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba obras na iluminación de varias parroquias de Compostela por valor de máis de 60.000 euros

02/09/2008 Cesar, Barciela e Laraño verán mellorada a iluminación das súas rúas xa que a Xunta de Goberno Local procedeu a adxudicar as obras de modernización no alumeado público destas áreas á empresa Daviña por un importe de 60.200 euros. Este foi un dos asuntos máis relevantes tratados na primeira xuntanza do órgano tralas vacacións estivais.

Tamén se está a traballar no alumeado público da travesía da Susana, neste caso a Xunta de Goberno decidiu ampliar nun mes e medio o contrato subscrito con Daviña para as obras de instalación de luminarias. No apartado de obras, déuselle o visto bo á adxudicación definitiva do contrato de execución das obras de substitución do pavimento deportivo de madeira no Pavillón Polideportivo de Santa Isabel. A encargada de levar a cabo a encomenda será a empresa Montebalsa por unha contía total de 19.635 euros.

A adxudicación do contrato para a subministración e posta en marcha da rede Wimax tamén acadou nesta sesión o grao de definitiva. A empresa Colabora Ingenieros contará cun importe de 367.686 euros para o subministro e 16.000 euros/ano para a xestión, mantemento e explotación da rede.

Pola súa banda, o Departamento de Parques e Xardíns da conta da súa política ambiental con motivo da adhesión ao sistema de xestión e auditoría ambiental da EMAS (Eco-Management and Audit Scheme, ou Regulamento Comunitario de Ecoxestión e Ecoauditoría). Esta política ambiental baséase en punto como asumir os compromisos de mellora continua e prevención da contaminación; garantir o uso racional dos recursos naturais; asegurar o cumprimento da lexislación vixente ou fomentar a participación cidadá e o coñecemento dos valores ambientais das zonas verdes do Concello.

No apartado de urxencias, aprobáronse as bases reguladoras da concesión de bolsas de axuda para o comedor escolar neste vindeiro curso cun importe total de 30.000 euros.

Compartir: