EDUCACIÓN

Continúan as actividades para os nenos e nenas composteláns na Escola de Verán

01/09/2008 Do 1 ao 5 de setembro, antes do comezo do curso escolar para os alumnos, varios colexios composteláns abren as súas portas para celebrar unha nova edición da Escola Municipal de Verán. Deste xeito, as familias poden dispor dunha oferta educativa e de lecer de balde nestas datas, que ademais rendibiliza os equipamentos escolares.

Esta escola, que tamén se celebra no mes de xuño, ofrece un espazo de encontro e de lecer para os rapaces e rapazas, cunha oferta pensada especialmente para este tempo de vacacións. Distintos xogos e actividades didácticas permitirán potenciar a sensibilidade artística dos máis novos e que estes descubran as posibilidades da cidade.

A proposta inclúe diversos obradoiros de educación ambiental, traballo con barro, divertidas clases de cociña e actividades de artes plásticas como a pintura ou o debuxo, entre outras. Esta oferta compleméntase con itinerarios pola cidade, con grandes xogos e actividades deportivas e con outros xogos populares e tradicionais.

Poden participar na Escola Municipal de Verán nenos entre os 6 e os 12 anos. Os de cinco anos poderán participar sempre e cando un irmán/á estea inscrito e asista tamén. Ademais, no CEIP das Fontiñas habilítase un espazo adaptado para os nenos e nenas de 3 a 5 anos. A inscrición faise directamente no propia escola de verán que se escolla.

As actividades desenvólvense entre as 9:30 es 13:30 horas nos centros Quiroga Palacios, Fontiñas, Pío XII e Colexiata do Sar. Os monitores pertencen a Centro Don Bosco, Asociación Xuvenil da Cruz Vermella, Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) e Fundación Fesán. Prevese a participación duns 2.500 rapaces, cifra semellante á da edición do verán de 2007.

Compartir: