PROMOCIÓN ECONÓMICA

Media Lúa, Xanana e Andrómenas, premiados no concurso de escaparatismo de verán

01/09/2008 O Concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, entregou as bandas de escaparatismo aos tres premiados na Edición de Verán do V Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shopping": ao estabelecemento de decoración Andrómenas, á tenda de marroquinería Media Lúa, e a Xoiaría Xanana. O obxectivo do concurso é contribuir á dinamización das actividades comerciais, incentivando aos comerciantes a ofrecer unha imaxe comercial coidada e orixinal de xeito continuo, especialmente en período de rebaixas, onde a gran afluencia de público fai máis dificultoso manter a orde no estabelecemento.

En primeiro lugar, Xosé Manuel Iglesias entregou as bandas de escaparatismo ao primeiro estabelecemento clasificado, a tenda de decoración Andrómenas, situada na rúa Doutor Teixeiro, número 30. A continuación, dirixiuse a Xoiaría Xanana, clasificada en terceiro lugar e localizada na rúa Doutor Teixeiro, número 25. Por último, o concelleiro de Promoción Económica e Comercio entregou a banda ao segundo clasificado, a tenda de marroquinería Media Lúa, situada na rúa Travesa, número 5.

Na Edición de Verán do certame inscribíronse 24 comercios de diferentes sectores, un 26,32% máis ca na mesma edición do 2007, cando se presentaron 19 estabelecementos. Entre os comercios participantes predominaban os de textil e confección, sobre todo moda infantil, os de complementos, os de decoración e os de artesanía. A lista de inscritos tamén incluía ópticas, perfumarías, xoiarías, xoguetarías, estabelecementos de seguridade e tendas de alimentación.

No concurso, dirixido a todos os locais comerciais da cidade, prima tanto o escaparate como o interior do comercio. A principios do 2009 nomearase un gañador final entre os estabelecementos que tivesen unha maior continuidade na súa imaxe ao longo do certame, do que ainda quedan por desenvolver duas edicións: a de Outono e a de Nadal. Os premios para os gañadores consisten en investimentos en promocións publicitarias a nivel local por valor de 3.450 euros para o primeiro clasificado, de 2.000 euros para o segundo, e de 1.500 euros para o terceiro. Este ano os comercios gañadores escollen os soportes e os medios de comunicación nos que queren publicitarse. Ata o ano pasado as campañas viñan predeterminadas pola clasificación que acadase o estabelecemento, sen posiblidade de escoller o soporte publicitario.

No Concurso Municipal de Escaparatismo "SCQ Shopping" 2008, promovido pola Concellaría de Promoción Económica e Comercio colaboran a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, a Asociación de Comerciantes de Santiago ACOTES, a Asociación de Comerciantes e Profesionais Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, a Fundación Santiago Centro Área Comercial, Euroconsumo Galicia, e o Grupo Correo Gallego.

Compartir: