CULTURA

Os Dhoad Gypsies of Rajastan abren a semana final do Festival dos Abrazos

25/08/2008 A formación Dhoad Gypsies of Rajastan abre o luns 25, ás 21:00 horas en Bonaval, a oferta artística da derradeira semana do Festival dos Abrazos, coa música e a arte do Raxastán, reino de maraxás e berce de xitanos e trobadores.

O músico Rahis Bharti dirixe os Dhoad Gypsies, grupo composto por seis músicos, un faquir e unha bailarina que sorprenderán ás e aos composteláns cos sons dos seus cantos e dos seus instrumentos: as táboas, os dholak, as kartels (castañolas), o harmanio portátil, a frauta dobre e o pungi empregado polos encantadores de serpes. O faquir cuspidor de lume, acróbata e equilibrista sobre vidros rotos e alfombras de cravos e a bailarina que acompaña o espectáculo con coreografías de temas mitolóxicos como o da cobra, gardiá das verdades espirituais, completan a proposta artística deste sorprendente grupo, que repetirá actuación o martes 26 e o mércores 27, ás 22:30 horas na Quintana.

Tamén nesta semana chega a Compostela o recoñecido contrabaixista de jazz parisino Renaud García Fons, que actuará na praza de San Martiño Pinario o xoves 28 e o venres 29 ás 22:30 horas. As fontes de inspiración deste músico están preto da tradición flamenca, que estuda e transmite ao contrabaixo, pero tamén das músicas mediterráneas e orientais, que explorou con paixón.

O jazz, un dos grandes protagonistas desta primeira edición do Festival, tamén estará o sábado 30, ás 21:00 horas no xardín Fonseca, da man de Glenn Jones e de Pekko Kappi, que toca o jouhikko ou lira cóncave, un antigo instrumento finés que soa coma un violín, quizais menos agudo e que na compaña da lúdica voz de Käppi é o son perfecto para unha experiencia mística.

Artistas locais e novas propostas
Nesta recta final do Festival volverán repetir moitos dos artistas locais que viñeron animando as noites de Compostela ao longo do mes de agosto. O trío Bermejo, Seoane e Dhíniz actuarán o luns 25 ás 22:30 horas en San Paio Antealtares, onde o martes 26 tocará Tango Bar e o mércores27 Fredy Fevereiro Trío. Mugardos-Keresú ofrecerán a súa música galega e guaraní o martes 26 ás 20:30 horas en Casas Reais e Xosé Nine Cuarteto e Loli Nogueira actuarán na praza dos Gatos o xoves 28 ás 22:30 horas.

Outra proposta habitual do festival, as noites de música e videocreación electrónica na zona "C", estará protagonizada o venres 29 por Dr. Think vs. Mike Rolling e os VDJ’s D-RNDM. Serán tamén eles os encargados de pechar, o xoves 28 ás 22:30 horas na praza da Quintana, o Curtocircuíto na Rúa, cunha sesión chamada Herbaliser.

A música despedirase do Festival dos Abrazos o domingo 31, ás 22:30 horas na praza da Quintana, cunha proposta conxunta de Aló Irmao, encontro creativo do músico galego Fran Pérez Narf e do guitarrista e cantante africano Manecas Costa, e máis Pesdelán, proxecto creativo do colectivo formado por Guadi Gallego, Uxía Cribeiro, Montse Rivera, Mercedes Prieto, Xan Pampín, Carlos Freire e Miguel Flores, que se propoñen recuperar a cultura participativa das festas, poñendo a todos a bailar.

Circo
O circo é outro dos grandes protagonistas do primeiro Festival dos Abrazos e na derradeira semana conta con tres citas importantes na programación do Festival. O luns 25, ás 22:00 horas, Pista Catro ofrece na praza da Quintana o seu Cabaré Varieté, un espectáculo multidisciplinar e variado a cargo de Pablo Reboleiro, Xabier Mera, Manuel Lago, Alfonso Medina, Antón Coucheiro, Borja Fernández e Natalia Outeiro, entre outros, que dan o mellor de si mesmos en pequenas pezas de cinco ou dez minutos.

Ao día seguinte, ás 19:30 horas, o cemiterio de Bonaval acollerá O pequeno circo dos milagres que dirixen Alejandro Costas, Santiago Montero, Raquel Oitavén e Mercé Sole e, o mércores 27, ás 19:30 horas na praza de San Martiño Pinario, Xabier Mera, Mon Orencio, Bernardo Martínez e Quim Fariña protagonizan o abrazo do circo e do jazz no Festival, o espectáculo Swing Guitars Aló Django, un cabaré concerto que conta unha historia vital que parte do jazz e do swing acústico, especialmente do gypsy swing, cuxo máximo representante é Django Reinhardt.

Performance, audiovisual, danza e teatro
O Centro Galego de Arte Contemporánea achega á programación da derradeira semana do Festival a performance de Félix Fernández, o mércores ás 20:30 horas en Bonaval, e a proxección da película Os amigos de Peter, o xoves ás 22:30 horas, tamén en Bonaval.

O colectivo Escoitar.org e o Centro Coreográfico Galego colaboraron na elaboración da paisaxe sonora concibida para ser bailada Cadra Santiago, que ofrecerán o venres 29 ás 21:00 horas no xardín de Fonseca e que pechará o programa de danza dentro do Festival. Cadra Santiago é unha creación que busca expandir a escoita somerxéndonos nun espazo cuadrafónico. Herdeira da panauralidade de John Cage, incide no perfil acústico de Compostela no que conviven sons de moi distinta natureza.

Unha mostra máis de abrazo multidisciplinar e multicultural é A Charanga de Circolando, que acollerá a ferradura do parque da Alameda o sábado 30 e o domingo 31, ás 22:30 horas. Neste espectáculo, a compañía portuguesa Circolando fusiona circo e teatro para engaiolar o público cunha performance poética e visual que xorde de dous obxectos simbólicos, a bicicleta e a fanfarria, para contar historias que pertencen ao pasado, aos soños dos nenos e á nostalxia.

Compartir: