EMPREGO

O Plan de Formación Continua mellorará as competencias profesionais de 180 persoas a través de 12 cursos

25/08/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o Plan de Formación Continua, que conta con doce accións formativas de balde, dúas presenciais e dez por teleformación. Suman en total 290 horas lectivas, das que se poden beneficiar 180 persoas. Este plan ten entre os seus obxectivos facilitar a promoción dos traballadores, mellorar os recursos humanos das empresas e incrementar a súa competitividade.

O Plan de Formación Continua agrupa accións formativas pertencentes a dous programas que desenvolve a Concellaría de Promoción Económica: a Rede de Cooperación Local e Compostela Activa. A idea de aglutinalos nun só plan fíxose co obxectivo de mellorar a información que recibe a cidadanía, facilitar os trámites de inscrición e mellorar a eficiencia na xestión evitando duplicar iniciativas e que queden cursos baleiros.

No caso da Rede de Cooperación Local programáronse cinco cursos, dous presenciais e tres de teleformación, pensados para mellorar as competencias profesionais das persoas traballadoras da área de Compostela. Financiados pola Fundación Caixa Galicia, están destinadas a persoas ocupadas, excepto empregados das administracións públicas, que estean traballando nunha empresa abicada en Compostela ou empadroados no Concello de Santiago A través de Compostela Activa impartiranse sete cursos de teleformación, financiados pola Deputación da Coruña e destinados a emprendedores que pensan iniciar ou ten iniciado xa unha actividade empresarial propia.

As persoas interesadas poden inscribirse no Rexistro Xeral do Concello, situado na Rúa Presidente Salvador Allende, número 4. As solicitudes pódense descargar da páxina web de Promoción Económica, www.maiscompostela.org. Pódese obter máis información nas Oficinas da Concellaría situadas na porta 9 do Estadio de San Lázaro, ou no teléfono 981 542 493, en horario de 9:00 a 14:00 horas. Para os cursos presenciais, Photoshop básico, e Presentacións eficaces: power point e publisher básico, o prazo de inscrición remata o 10 de setembro. No resto dos cursos o último día para inscribirse é o 14 de novembro.

Cursos presenciais
As dúas accións formativas presenciais programadas pola Concellaría de Promoción Económica son Photoshop básico, e Presentacións eficaces: power point e publisher básico. Están destinadas a persoas ocupadas, excepto empregados das administracións públicas, que estean traballando nunha empresa abicada en Compostela ou empadroados no Concello de Santiago. Teñen como obxectivo mellorar a cualificación profesional dos cargos medios e altos das empresas nun eido cada vez máis importante, a comunicación e a imaxe empresarial. O prazo de inscrición para estes dous cursos, que se celebrarán na sede da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, remata o 10 de setembro.

Cursos de teleformación
Na modalidade de teleformación hai tres cursos destinados a persoas ocupadas, excepto empregados das administracións públicas, que estean traballando nunha empresa abicada en Compostela ou empadroados no Concello de Santiago. Son E-marketing e Organización e comunicación na empresa, que contan con 40 horas lectivas cada un deles e Liderazgo e xestión de equipos, con 50. Para estes tres cursos o sistema de selección non será por orde de entrada en rexistro, como no resto. Establecerase un baremo no que se puntuará que se cumpran os requisitos de acceso, a adecuación do traballo realizado á formación solicitada e a pertenza a colectivos en risco de exclusión laboral.

Para emprendedores
Os outros sete cursos están destinados a persoas que teñan posto en marcha unha iniciativa empresarial nos anos 2007-2008 no Concello de Santiago ou usuarias dun Servizo público de apoio ao emprendemento situado en Compostela. Son: Xestión Laboral, Presentacións eficaces, Atención ao cliente, Axudas Públicas, Xestión tributaria, Xestión Contable e Marketing e PEMES.

Xestión Tributaria, Xestión contable e Marketing e PEMES teñen unha duración de 20 horas, e Xestión Laboral, Presentacións eficaces, Atencíón ao cliente e Axudas Públicas de 15 horas. Están pensados co obxectivo de capacitar e informar á persoas emprendedora sobre materias básicas que lle aportarán un valor engadido ao seu proxecto empresarial, introducir ao alumnado na lexislación laboral, contable e tributaria, informar aos participantes sobre temas de interese empresarial e por en contacto a emprendedores coas mesmas necesidades.

Estes cursos continúan coa liña aberta no primeiro semestre do ano pola Concellaría de Promoción Económica, nunha aposta por sistemas formativos que faciliten a participación das persoas traballadoras en programas de formación continua. Están pensados para facilitar a formación das persoas que teñen dificultades en asistir a cursos presenciais por cuestións de incompatibilidade horaria.

Para poder realizar os cursos de teleformación é necesario contar cun equipo informático con conexión a Internet. Se non se dispón deste equipamento pódese consultar coa oficina de Promoción Económica a dispoñibilidade dos equipos de uso público cos que conta. O prazo de inscrición estará aberto ata o 14 de novembro. Os cursos desenvolveranse nos meses de novembro e decembro.

Compartir: