CULTURA

Chico Hugo investiga musicalmente a través de instrumentos nada convencionais

21/08/2008 A ameaza de choiva obrigou a trasladar os concertos do pianista francés Pascal Neveu e do músico madrileño Chico Hugo ao Auditorio de Galicia e ao Teatro Principal, respectivamente. Chico Hugo é un músico novo que experimenta coa construción dunha linguaxe musical propia a través de instrumentos pouco convencionais e que resultou gañador do segundo Festival de Músicas Minúsculas en 2005.

"A arte está en todas partes", asegura Chico Hugo, "con calquera cousa podes facer música". No concerto que ofreceu o mércores 20 no Teatro Principal e que repetiu ao día seguinte no xardín de Fonseca o músico madrileño empregou tanto instrumentos tradicionais como a guitarra clásica, o baixo ou o teclado como recursos electrónicos xestionados a través dunha mesa de mesturas e obxectos reciclados en instrumentos musicais como copas de vidro, latas ou un tubo de PVC. "O tubo de PVC é o meu didgeridoo", explica, "que é un instrumento de vento tradicional en Australia que os aborixes fan cunha madeira cuxo interior foi comido polas termitas, pero o entorno no que eu vivo non é natural, é artificial, e eu teño que adaptarme a el".

As dúas pólas da proposta artística deste músico son, precisamente, descubrir a arte que hai ao noso redor e achegarse á raíz da música dos pobos do mundo para enriquecer coa súa influenza a súa perspectiva artística. Chico Hugo busca a música, dende a adolescencia, nas súas viaxes por catro continentes, nos vasos de cervexa baleiros que se amorean nas barras dos bares, nas conversas con amigos ou nos sons da rúa, que irrompen en concertos como o que está previsto que dea o venres 22, ás 12:30 horas, no xardín de Fonseca. "Cada espectáculo é diferente", asegura, "porque o público e o entorno son diferentes". "Onde mellor soa a miña música é nun teatro", conclúe, "pero cando teño a oportunidade de actuar nun lugar especial como o xardín de Fonseca escoito o ruído da rúa e convértoo en parte da espectáculo, porque a realidade é parte da música".

Pendentes do tempo
O resto das actividades previstas para o xoves 21 están tamén pendentes da inestabilidade do tempo. O circo de Ringorrango, previsto para ás 19:30 horas en San Martiño Pinario, e o teatro de rúa de Quinquilláns, previsto para ás 22:30 horas na praza de Praterías, poderían ser suspendidos se chovese no momento de comezar a actividade. Pola súa banda, a proxección de Atrapado no tempo, dentro do Cine de Verán do CGAC e a selección de curtas Feito en España, do Curtocircuíto na Rúa, serán trasladadas ao auditorio do CGAC e á Praza de Abastos, respectivamente, caso de chover preto das dez da noite.

Compartir: