TURISMO E CULTURA

"Curtocircuíto na Rúa" presenta unha selección de curtas feitas en España na praza do Toural

20/08/2008 Curtocircuíto na Rúa presenta o programa Feito en España o xoves 21 de agosto, a partir das 22:30 horas, na praza do Toural.

Este programa é unha escolma das mellores curtas realizadas no conxunto de España entre 2006 e 2007 e inclúe drama, comedia, animación e documental. Actores tan recoñecidos como Mariví Bilbao, Rosario Pardo ou Mariano Peña protagonizan algúns dos filmes incluídos nesta selección.

Como todos os xoves, os espectadores poderán valorar as súas curtas favoritas e decidir cos seus votos o Premio do Público, valorado en 1.600 euros, e que se descubrirá na gala de entrega de premios que clausurará Curtocircuíto o 24 de outubro.

En caso de que a predición meteorolóxica sexa desfavorable, Curtocircuíto na Rúa trasladaríase á Praza de Abastos. Todos os cambios anunciaranse na web do festival, www.curtocircuito.org, onde tamén se pode atopar información sobre o resto das actividades do Festival.

O ciclo de curtas rematará o 28 de agosto na praza da Quintana. O fin de festa correrá a cargo do DJ británico Ollie Teeba, do grupo The Herbaliser, e os VJs galegos D-Rndm, que ofrecerán unha sesión única de videocreación en directo.

O festival compostelán regresará na súa Semana Oficial de outubro con máis curtas, obradoiros de formación, exhibicións, o III Mercado Internacional de Curtas e moitas outras actividades relacionadas co cinema de curta duración.

Compartir: