PROMOCIÓN ECONÓMICA

Compostela Activa incentiva con 68.000 euros aos novos emprendedores

20/08/2008 O concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, presentou o programa de fomento do emprendemento Compostela Activa. O programa ten como obxectivo axudar a aquelas persoas que queiran desenvolver un novo proxecto empresarial no Concello de Santiago.

O programa conta con dúas liñas diferenciadas. Por unha banda establécese un Concurso de Novas Ideas Empresariais e, por outra, unha liña de incentivos para empresas de creación recente. Compostela Activa conta para estas dúas liñas cun orzamento de 68.000 euros: 28.000 destínanse ao Concurso de Novas Ideas Empresariais, mentres que os 40.000 restantes van para a liña de incentivos. O prazo de presentación das solicitudes para ambas liñas abrirase a partir da súa publicación no BOP e rematará o 30 de setembro.

O Concurso de Novas Ideas Empresariais conta con tres categorías diferentes: Novas Ideas Empresariais Edición Xeral, Novas Ideas Empresariais promovidas por mulleres e Novas Ideas Empresariais promovidas por persoas tituladas en Formación Profesional. En total entregaranse sete premios: tres na edición xeral, tres na específica para mulleres e un na categoría de titulados de FP.

En total outorgaranse 28.000 euros en premios. Os proxectos gañadores de cada unha das dúas primeiras categorías obterán 5.000 euros, os segundos 4.000 euros e os terceiros 3.000 euros. O gañador da categoría de persoas tituladas en FP recibirá 4.000 euros.

Ata 2.000 euros en gastos subvencionables
Para a liña de incentivos destínanse 40.000 euros. Cada proxecto empresarial poderá obter ata 2.000 euros, que poden cubrir o 100% dos gastos subvencionables. Poden optar aos incentivos aquelas empresas que iniciaran a súa actividade entre o 31 de agosto de 2007 e o 30 de setembro de 2008 e teñan a súa sede no municipio de Santiago.

Terán a consideración de gastos subvencionables os considerados como correntes e de primeiro establecemento realizados entre o 1 de xaneiro e o 30 de decembro de 2008 nos seguintes conceptos e excluídos impostos: existencias iniciais de mercadorías, gastos de arrendamentos de locais e/ou equipos, primas de seguros, abastecementos e gastos correntes, e gastos de formalización de constitución da sociedade se é o caso. O investimento en activos fixo e as axudas directas á contratación de traballadores quedan exceptuadas desta axuda.

Todas as persoas interesadas tanto no Concurso de Ideas Empresariais como na liña de incentivos poden recibir unha asesoría personalizada no Servizo de Apoio ao Emprendemento da Concellería de Promoción Económica, situado no estadio de San Lázaro, porta 9, co teléfono 981 542 493, en horario de 9:00 a 14:00 horas. As bases do programa poden consultarse na páxina web da Concellaría: www.maiscompostela.org.

Compartir: