TURISMO

As consultas en Turismo de Santiago medraron un 7,45% no mes de xullo

19/08/2008 Turismo de Santiago atendeu no mes de xullo 37.089 consultas nas súas oficinas de información. Este dato supón un crecemento do 7,45% respecto do mes de xullo de 2007. No conxunto do ano, o número de consultas atendidas foi 129.711, que representa un crecemento do 42,72% respecto dos primeiros sete meses do ano 2007.

No ano 2008, a Concellaría de Turismo ampliou os horarios e datas de apertura das súas oficinas de información turística. Neste ano, a oficina de información da Dársena de Xoán XXIII estará aberta os meses de xuño, xullo, agosto e setembro, mentres que en 2007 estivo aberta nos meses de xullo e agosto. A oficina do aeroporto ampliou o seu horario a 14 horas diarias, fronte ás tres horas nas que permanecía aberta no ano precedente. Ademais, Turismo de Santiago xestiona este ano de novo a oficina de información de San Lázaro, situada no Camiño de Santiago. A estas tres oficinas súmase a sede central na rúa do Vilar.

No mes de xullo o 49,4% de consultas (18.328) foron de persoas procedentes do resto de España, o 42,6% (15.810) de turistas estranxeiros e o 8% de persoas que viven en Santiago (2.951). Francia foi o país que máis consultas xerou no mes de xullo, cun total de 2.254 persoas, o que representa o 14,3% das consultas de persoas procedentes do estranxeiro. A continuación veñen Italia, con 2.149 consultas, Alemaña, con 2.078, Reino Unido, con 1.160 e Polonia, con 1.134, que supoñen un crecemento do 79,4% respecto das 632 do ano 2007.

Tamén no mes de xullo, a Comunidade Autónoma que máis solicitudes de información fixo foi Andalucía, con 2.966, o que representa o 15,7% do total de consultas procedentes do resto do Estado. A continuación veñen Madrid, con 2.613 consultas, Cataluña, con 1.973, Valencia, con 1.212, e Galicia, con 1.130.

Nos sete primeiros meses de 2008 atendéronse 129.711 consultas. O 47,4% foi de persoas procedentes do estranxeiro, o 46,3% do resto do Estado e o 6,2% de persoas que viven en Santiago. O país que máis consultas xerou foi Alemaña, con 10.279, seguida de Francia, con 8.907, Italia, con 6.930, Portugal, con 5.371 e Reino Unido, con 5.178. Madrid foi a Comunidade con máis consultas, 8.668, seguida de Andalucía, con 8.057, Cataluña, con 7.623, Resto de Galicia, con 5.215 e Valencia, con 5.154.

Compartir: