CULTURA

Unha mostra dos instrumentos de Pangeia abre unha semana de intensa actividade musical no Festival dos Abrazos

18/08/2008 O Festival dos Abrazos atravesa o ecuador da súa programación mensual cunha semana de intensa actividade musical que abriu a inauguración en Santa María do Camiño dunha mostra dos instrumentos que propón a compañía de investigación musical luso angolana Pangeia. Dúas actuacións na mesma igrexa, o martes 19 e o xoves 21, ás 20:30 horas, completarán a presenza en Compostela de Pangeia.

O fenómeno da transformación é a fonte de inspiración do compositor, deseñador de instrumentos e alma mater do proxecto de investigación musical, Vítor Gama. Nado en Angola e de familia portuguesa, Gama integra a construción de instrumentos no seu proceso creativo como compositor, de tal xeito que o instrumento musical terminado non é un obxecto illado, senón que ten sentido dentro da creación dunha obra e dunha linguaxe musical específica.

Completan as propostas musicais do luns 18 o jazz da xaponesa Aki Takase, que actuará ás 22:30 horas no parque de Vista Alegre; o pop dos composteláns Hyde Casinos, que actúan ás 20:30 horas en Tras Salomé; e o jazz do trío Seoane, Bermejo e Dhiniz, que farán o propio ás 22:30 horas na praza dos Gatos.

Ao longo da semana, haberá moito máis jazz co pianista francés Pascal Neveu, que tocará cada día ás 12:30 e ás 21:00 horas nos parques da cidade, comezando o martes 19 no parque de Belvís; cos estadounidenses Widsor for the Derby, que actuarán o mércores 20 ás 22:30 horas no parque de Bonaval; e cos locais Xosé Miguélez Jazz Project, que estarán o martes 19 e xoves 21, ás 22:30 horas, en San Paio de Antealtares; e Xosé Nine Cuarteto & Loli Nogueira, con presenza o domingo 24 ás 20:30 horas na praza de San Martiño Pinario.

Ademais, as músicas mínimas de Chico Hugo chegarán ao xardín de Fonseca o xoves 21 e o venres 22, onde ofrecerá dúas mostras diarias, ás 12:30 e ás 21:00 horas, dos sons xerados polos instrumentos construídos con materiais reciclados do lixo. E completan a programación musical da semana os sons galegos e guaranís de Mugardos-Keresú, que tocan o mércores ás 22:30 horas na praza da Oliveira; a música tradicional do trío Vaamonde, Lamas e Romero, o xoves ás 20:30 horas na Vía Sacra; e a multimedia electrónica do DJ Mr. Fishman, que ofrece a súa creación conxuntamente cos VDJs D-Rndm Usmiko.com o venres ás 23:00 horas na Zona "C".

Danza e circo
O martes 19 tamén haberá circo, da man de Raquel Veganzones, Kote Rodríguez, Isla González e Girisho Gordon, que ofrecerán os seus Remedios Peregríns ás 19:30 horas no cemiterio de Bonaval. A danza chega coa proposta da bailarina madrileña Zoe Anwar, Sacra, que terá lugar ás 21:00 horas no xardín de Fonseca. Anwar establece neste espectáculo un dobre percorrido entre a mostra de danzas rituais de distintos recantos do planeta e a evolución que fixo o home no desenvolvemento da mística a través do físico. Trátase dunha proposta chea de significado cultural na que se pon en escena a eterna busca do ser humano para acadar a transcendencia a través de danzas rituais como o xiro sufi, a danza butoh, a danza orixá ou o tantra.

Compartir: