EMPREGO

A Bolsa de Emprego de Promoción Económica alcanza as 1.682 persoas inscritas na súa base de datos

14/08/2008 A Bolsa de Emprego da Concellaría de Promoción Económica e Emprego ten na súa base de datos 1.682 persoas inscritas, das que o 67% son mulleres. Nos sete primeiros meses de 2008 o servizo ofrecido pola Concellaría rexistrou 302 novas solicitudes.

A distribución das 302 solicitudes rexistradas no aplicativo informático Plataforma de Intermediacion Laboral nos sete primeiros meses do ano segundo a formación académica sitúa, en primeiro lugar, aos titulados universitarios (diplomados, licenciados e doutorados), con 121 inscritos (91 mulleres e 30 homes). Representan o 40% dos usuarios. En segundo lugar están as persoas con estudos primarios, un total de 71 (41 mulleres e 30 homes), o 23,5% de inscritos.

O 44,7% das persoas inscritas este ano na Bolsa de Emprego, un total de 135, teñen entre 25 e 34 anos. A continuación atópanse as franxas de idade que van dos 35 aos 44 anos, con 80 demandantes, e dos 45 aos 54 anos, con 38.

O sector de emprego máis demandado polos/as inscritos/as en 2008 na Bolsa de Emprego é o Sector Servizos. Presentáronse 243 demandas para este sector, o 80,5% do total. Destas, 196, o 80,7%, foron realizadas por mulleres. Os outros dous sectores demandados son Construción con 30 solicitudes, e Industria, con 29.

A Bolsa de Emprego concíbese coma un espazo integrador das distintas políticas activas e actuacións municipais dirixidas a facilitar a inserción laboral das persoas demandantes de emprego así coma a intermediación laboral cas empresas. Enténdese coma outra vía de entrada ao mundo laboral: unha forma de relación entre os demandantes e os oferentes. Un equipo de técnicos expertos en orientación-inserción profesional realiza unha entrevista a cada un das persoas usuarias para elaborar a diagnose do proxecto profesional. Esta diagnose sirve para detectar as ocupacións preferentes nas que está máis capacitado para traballar.

Todas as demandas de emprego introdúcense nun aplicativo informático, a Plataforma de Intermediación Laboral, que ten como obxectivo mellorar a prestación do servizo. Na base de datos da Plataforma están introducidos os 1.682 expedientes de persoas demandantes de emprego ou que buscan mellorar as súas perspectivas laborais. O sistema relaciona o tratamento das demandas laborais coa xestión administrativa interna, ao crear bases de datos e rexistros cualificados que facilitan o servizo de ofertas laborais ás empresas de Santiago e comarca. En todos os casos, este intercambio de datos é seguro e respecta sempre a confidencialidade dos usuarios.

Compartir: