ALCALDÍA

"Música en Compostela" convértese unha edición máis en referencia pedagóxica para músicos de todo o mundo

17/08/2008 Botou a andar unha nova edición dos Curso Internacionais "Música en Compostela". A alcaldesa en funcións, Mar Martín, deu a benvida aos máis de 100 alumnos de diversas partes do mundo que participarán ao longo de dúas semanas neste evento pedagóxico e musical.

Nun acto celebrado no Hostal dos Reis Católicos, Mar Martín recordou a tradición e prestixio musical internacional de Santiago. "Nesa longa tradición enmárcanse os prestixiosos cursos internacionais Música en Compostela, que levan xa máis de medio século convocando en Santiago a centos de alumnos chegados de todo o mundo e que co paso do tempo acabarían converténdose en renomeados profesores, concertistas y musicólogos", sinalou. Ademais, apuntou o agradecemento da cidade cara esta cita, "con vocación fundamentalmente pedagóxica, que convoca cada ano a estudantes e expertos de todo o mundo que, a pesar da súa disparidade, falan unha mesma lingua, a da música".

Facendo historia, a alcaldesa en funcións recordou aquel ano 1957, "cando Música en Compostela naceu das inquietudes culturais de Andrés Segovia, inesquecible músico, e Xosé Miguel Morales, co propósito de afondar no coñecemento e na difusión da música española, se asentaron os piares dunha das primeiras e máis aceptadas manifestacións culturais nunha cidade que non andaba precisamente sobrada delas". Cómpre lembrar que polas aulas destes cursos teñen pasado figuras tan destacadas como Montserrat Caballé, Xabier Montsalvatge, Enrique García Asensio ou Jesús López Cobos, entre outros.

Durante as dúas semanas que nesta edición durará Música en Compostela, impartiranse clases de guitarra, música de cámara, piano ou violín, entre outras. Ademais destas sesións pedagóxicas non faltarán os concertos, como o que dará o luns 18 de agosto, no Auditorio, a Orquesta Xoven da Sinfónica de Galicia.

Compartir: