CULTURA

O Festival dos Abrazos trae a Compostela a nova proposta do artista belga Bernard Massuir

12/08/2008 O Festival dos Abrazos achega a Compostela a nova proposta do artista belga Bernard Massuir, que presentará ata o xoves 14 seis pases do seu novo espectáculo. Cada día, ás 12:30 horas ofrecerá unha versión acústica na igrexa de Santa María do Camiño e, se a choiva dá unha tregua, ás 21:00 horas ofrecerá unha versión amplificada no xardín de Fonseca. Porén, se chove, a actuación da noite será tamén na igrexa de Santa María do Camiño.

Esta é a terceira vez que Massuir actúa en Santiago de Compostela. Estivo no 2000 e no 2004 coa súa proposta Itizz... some sing e agora trae ao Festival dos Abrazos un novo traballo, La voix est livre, cuxo título é un xogo de palabras de difícil tradución, segundo explica o propio Massuir, porque "voix" en francés significa voz e significa tamén camiño, polo que o espectáculo se chama ao mesmo tempo "a voz é libre" e "o camiño é libre".

Di Massuir que os seus espectáculos non son concertos propiamente ditos e que, polo tanto, non son nunca iguais. "Teño unha especie de estrutura", explica, "pero síntome libre para moverme, para cambiala no momento, froito ben da inspiración ou ben do público". O músico, actor e humorista belga asegura ademais que a xente participará cos seus propios sons e que iso fai que cada actuación sexa única, porque é o froito único da interactividade entre o artista e a audiencia. Neste sentido, Massuir afirma estar "moi interesado no espírito do Festival dos Abrazos", pois parte da súa propia concepción da "maxia das artes vivas", que el entende como "a suma dunha proposición artística e máis da recepción, da conexión que se establece coa audiencia e que é fundamental".

Compostela: unha enerxía especial para a creación artística
Comparte tamén Massuir co Festival dos Abrazos a importancia outorgada ao espazo da creación artística. "Gústame tocar en igrexas", afirma, "e esta vez vai ser aínda máis especial, porque a igrexa de Santa María do Camiño non está desacralizada e hai que saber respectar o feito de que sexa un lugar tan especial para moita xente".

Bernard Massuir reflexiona tamén sobre a importancia que ten para el actuar en Compostela, lugar co que sinte "unha gran empatía, unha forte conexión, moita forza". "Sempre que veño a Santiago de Compostela sinto a historia, sinto unha especie de pesadez nas pedras, nos peregrinos que me cruzo pola rúa", afirma. "En Santiago e en Galicia hai un montón de enerxía da que non podes escapar, que non podes non ver, que non podes non sentir", asegura. O artista belga engade que esta forza que el sinte nas súas actuacións en Compostela é "a forza da Fin do Mundo, do Finisterrae", que "pode ser estimulante ou cortar as ás creadoras de Galicia". "Cando hai unha gran liña é difícil abandonala", remata, "e a forza da historia implica os dous estremos da mesma liña, a pesadez que te inmobiliza e a gran enerxía que che dá forza para saltar cara adiante".

Obradoiros de circo
O programa do Festival dos Abrazos inclúe tamén estes días os Obradoiros de Iniciación ao Circo que ofrece a compañía galega Pistacinco ás 17:00 horas na Ferradura e que, en caso de choiva, se trasladará ao Auditorio de Galicia. Ademais, o mércores 13, Miguel Noguera participará no ciclo de performances do CGAC e os australianos Sofa Surfers ofrecerán en Bonaval (se chove, no Teatro Principal) un dos directos máis impactantes da escena trip hop, cun soporte visual premiado en moitos festivais de vídeo.

Compartir: