CULTURA

A compañía Dani Pannullo Dancetheatre sorprende en Área Central co seu espectáculo de danza urbana

11/08/2008 A compañía Dani Pannullo Dancetheatre sorprendeu nas zonas comúns de Área Central co seu espectáulo Little Street Pieces, que reúne algunha das mellores pezas dos seus espectáculos anteriores e ofrece ao espectador un percorrido artístico a través da obra deste creador urbano. A choiva obrigou a trasladar a actividade, que estaba prevista para a praza Praterías, ás áreas comúns do centro comercial, espazo urbano de gran uso, tal e como esixía a vocación creativa de Pannullo, que pretende intervir coa súa arte "os cada vez máis utilizados espazos públicos".

Baixo a dirección xeral de Dani Pannullo, os bailaríns Alberto Giraldo, Julián Gómez, Laura Biedma, Olalla Cereijo, Raul García "Rapus" e Sachiko Shigetake ofreceron nesta retrospectiva unha serie de composicións coreográficas executadas con tal virtuosismo que elevan a cultura urbana á categoría de arte.

Se a choiva persiste, tamén se trasladará a actuación de Brigada Bravo y Díaz, prevista para o xardín de Fonseca, ao Teatro Principal, e o concerto do trío Vaamonde, Lamas e Romero, previsto para Casas Reais, para o Ultramarinos. O concerto de Xosé Nine Cuarteto e Loli Nogueira adiarase, caso de non poder realizarse ás 22:30 horas en San Paio de Antealtares, como estaba previsto.

A programación do martes 12 tamén podería verse altearada polas incidencias climatolóxicas, que, caso de persistir a choiva, obrigarían ao belga Bernard Massuir a ofrecer o seu espectáculo de música, teatro e humor na igrexa de Santa María do Camiño ás 12:30 e ás 21:00 horas. Os obradoiros de iniciación ao circo, que ao Festival dos Abrazos da man da compañía galega Pistacinco, tamén se trasladarían do parque da Ferradura ao Auditorio de Galicia en caso de choiva.

Compartir: