CULTURA

A música para manivelas de Germán Díaz redescubre para a creación artística a Porta da Música de Chillida

08/08/2008 Germán Díaz redescubriu a Porta da Música de Chillida, no parque de Bonaval, para a investigación musical coa súa primeira intervención no Festival dos Abrazos. A Porta da Música é unha escultura de aceiro cortén de 17 toneladas de peso e 3,24 metros de alto que foi concibida polo escultor vasco como "un sincero e emotivo saúdo ao Apóstolo" que tamén quere "reflectir o mellor posible a relación existente entre a escultura, a música e a arquitectura".

Germán Díaz afondou neste abrazo entre as disciplinas artísticas proposto polo escultor cun espectáculo, Pi, que se basea na mestura das tres manivelas doutros tantos instrumentos singulares: un artiluxio medieval con sonoridades contemporáneas, a zanfona, e dous instrumentos mecánicos que len cartóns perforados onde se escriben as melodías, a caixa de música e o órgano de barbaria.

Nesa fusión de espazo singular, escultura e música sumáronse nas vertentes contemporáneas, improvisadas e abertas propias de Germán Díaz, na rixidez das programacións manuais das manivelas mecánicas e máis nos loops en directo. Exemplo dos valores que defende o Festival dos Abrazos, o propio espectáculo Pi é, nas palabras do seu creador, "un proxecto arriscado e íntimo, que intenta buscar unha nova linguaxe contemporánea nas raíces culturais propias".

Germán Díaz actuará de novo o luns 11, ás 21:00 horas no xardín de Fonseca, co espectáculo Brigada Bravo y Díaz, baseado nas sintonías tradicionais da canción republicana. A exposición Stand by me, de Rita Rodríguez, estará aberta ata a 1.30 horas todos os venres do mes de agosto con motivo das actuacións dos Dj’s multimedia.

O sábado 9 chegan o circo e o jazz ao Festival dos Abrazos. O circo virá da man de Duelirium, que ofrecerán o seu espectáculo O que queda por chover ás 19:30 horas en Bonaval, e o jazz correrá a conta de Taylor Ho Bynum Sextet, que encherá a Finca de Vista Alegre ás 22:30 horas coa súa música envolvente.

Compartir: