XUNTA DE GOBERNO

Iníciase o proceso de nova contratación da xestión das escolas municipais de Conxo e Fontiñas

08/08/2008 A Xunta de Goberno extraordinaria aprobou os pregos e iniciou os expedientes para contratar a xestión das escolas infantís municipais das Fontiñas e Conxo. Esta contratación realizarase por un período de catro anos prorrogables.

No caso das Fontiñas, establécese un canon máximo anual a aboar ao concesionario polo Concello de 204.020 euros. Na Escola Municipal de Conxo, este canon fíxase en 209.938 euros. Cómpre lembrar que estas dúas escolas mantéñense baixo a titularidade municipal e convivirán coas que San Roque e as outras dúas que se están a construír no Polígono do Tambre e en Tras Parlamento, as tres integradas na rede de Galescolas.

Precisamente a propósito da Escola Infantil do Polígono do Tambre, o Goberno local aprobou o proxecto modificado de construción da mesma, presentado polo arquitecto redactor do proxecto inicial, César Coll. Ademais, encargouse a realización das obras nel definidas á empresa contratista da obra principal, por importe de 50.645 euros e un prazo de execución de oito meses.

Sanidade
En materia de Sanidade, a Xunta de Goberno aprobou os pregos e abriu a contratación do servizo veterinario de urxencia e de atención e recollida de animais abandonados no termo municipal, cun tipo de licitación de 39.902 euros. Igualmente, procederase a contratar o servizo de desratización, por un importe de 25.862 euros.

Medio Ambiente
O Goberno local deu tamén o visto boa o proxecto de rexeneración do Monte de Dios e iniciou o expediente de contratación das obras, cun custo que ascende a 142.959 euros. Tamén en materia de Medio Ambiente, aprobouse un gasto de 10.387 euros para a sinalización interpretativa do LIC no río Tambre.

Apertura de rúa
Finalmente, acordouse abrir ao tráfico rodado a vía Domingo García-Sabell Rivas no tramo comprendido entre o cruce da rúa de Carretas-Entrerríos e o tramo xa posto en servizo anteriormente. Así, a completa apertura da rúa está prevista para o 14 de agosto.

Compartir: