CIDADE HISTÓRICA

Once espazos da cidade histórica ofrecerán Internet de balde grazas á nova rede WIMAX

08/08/2008 A concelleira de Rehabilitación e Cidade Histórica, Olga Pedreira, fixo pública a adxudicación da posta en marcha da rede WIMAX para o casco histórico. É o último paso para a implantación desta rede, que estará a pleno rendemento en 2009. Ofrecerá internet de balde en 11 lugares e acceso con tarifas vantaxosas no resto do casco histórico.

Nestes 11 espazos públicos, aínda por determinar á espera de valorar o impacto visual que nos mesmos podería ter o equipamento necesario, o cidadán terá acceso libre e de balde a internet sen fíos (WiFi). Aquí, como en todo momento existirá conexión a dúas estacións base das tres totais, o usuario nunca perderá a conexión aínda que se mova dentro destes lugares. Ademais, tamén se ofrecerán de balde algúns servizos de cortesía, como información turística ou do Camiño de Santiago, especialmente útiles para os turistas.

En canto aos servizos de pagamento, establécense de dous tipos: un para os usuarios particulares e outro para pequenas e medianas empresas. A conexión para residentes terá un custo que vai dos 25 euros (0,5 Mb) aos 39 (1 Mb), ademais dunha cota de alta que estará nos 90 euros. Pero tamén haberá a posibilidade de contratar bonos para o uso por determinado número de horas. Cómpre lembrar que, legalmente, as Administracións non poden ofrecer un servizo residencial gratuíto de acceso a internet, por interferir na libre competencia.

O casco histórico de Santiago é pioneiro en ter unha rede WIMAX. Para informar das súas características e para coñecer os potenciais usuarios, porase en marcha unha campaña de difusión. Os servizos desta rede iranse implantando progresivamente durante o último trimestre de 2008, co obxectivo de que estea en pleno funcionamento en 2009. Este é só un primeiro paso, xa que as posibilidades desta tecnoloxía permite batallar novas utilidades e mesmo ampliar o servizo máis alá do propio casco histórico.

A empresa adxudicataria, Colabora, foi elixida entre un importante grupo de empresas, o que reflicte o interese creado por esta iniciativa. Foi elixida despois de estudar as ofertas en canto a servizos aos cidadáns e pequenas e medianas empresas, servizos ao Concello, viabilidade, caudal do acceso, calidade do servizo, resolución de incidencias ou atención ao cliente, entre outras variables. O importe da adxudicación é de 367.686 euros para o subministro e 16.000 euros/ano para a xestión do servizo.

Documentos relacionados



Compartir: