CULTURA

A percusión corporal dos Barbatuques e a danza sufí dos Derviches compartiron escenario no Festival dos Abrazos

07/08/2008 Os Derviches de O Cairo despedíronse de Compostela coa choiva como escenario. As condicións meteorolóxicas obrigaron a reducir o pasarrúas que tiñan previsto ofrecer no serán polas rúas do casco vello, desviándoo cara ao Teatro Principal, onde tamén actuaron os brasileiros Barbatuques.

Exemplo do diálogo artístico multicultural e multidisciplinar que promove o Festival dos Abrazos, os Derviches participaron tanto no obradoiro de música corporal ofrecido polos Barbatuques como na primeira parte da súa actuación. A compañía brasileira ofreceu, tras a marcha dos exipcios, un concerto no que só empregaron os sons do corpo, dos seus corpos e máis dos do público que ateigaba o Teatro Principal e que participou activamente no espectáculo.

Barbatuques é un colectivo artístico e pedagóxico fundado hai máis dunha década polo músico Fernando Barba, que investiga a expresión musical a través da exploración dos sons infinitos que poden ser producidos polo corpo humano. O público que asistiu á súa actuación no Festival dos Abrazos puido comprobar a versatilidade dos seus propios corpos, participando activamente coas súas mans, coas súas bocas e cos seus pés no abrazo creador propiciado pola choiva.

A choiva afectou tamén ao resto das actividades previstas para a tarde do mércores 6. O mago Gonzalo retoma na tarde do xoves 7, ás 20:30 horas na praza de Feixoo as súas actuacións no Festival dos Abrazos, ao igual que os brasileiros Fredy Frevereiro Trío, que actuarán ás 22:30 horas na praza da Oliveira. Completarán o programa do día Germán Díaz, que ofrecerá o seu primeiro concerto no Festival, Pi, música para manivelas, ás 21:00 horas en Bonaval, e o cinema, que chega da man da programación do CGAC e do Curtocircuíto.

Para a fin de semana, os protagonistas serán a música electrónica de Ningunos DJs, o venres 8 ás 23:00 horas na Zona "C"; o novo circo de Duelirium con O que queda por chover, o sábado 9 ás 19:30 horas en Bonaval; e o jazz de Taylor Ho Bynum Sextet, ese mesmo día ás 22:30 horas na finca de Vista Alegre.

Compartir: