TURISMO

"Salsorro" reunirá en Santiago a máis de 2.000 aficionados á salsa procedentes de 15 países

07/08/2008 A sétima edición do Festival Internacional de Salsa Salsorro reunirá en Santiago, entre o 7 e 9 de novembro, a máis de 2.000 aficionados á salsa procedentes de quince países. O Festival, que conta coa colaboración da Concellaría de Promoción Económica e Turismo, reunirá a unha vintena de compañías de baile procedentes de Europa e América para impartir clases e amosar os seus últimos espectáculos.

Entre as compañías e bailaríns que estarán presentes en Salsorro 2008 destacan Santo Rico (Nova York), Tropical Gem (Milán), Adolfo e Sheila (Nova York), Hacha e Machete (Boston), Maykel Fonts e Kirenia (Cuba), Juan Matos (Nova York), Flamboyan Dancers (Milán) ou Tito e Tamara (Porto Rico). Tamén estarán presentes a parella campiona do mundo na especialidade de salsa nos anos 2007 e 2008, Adrián e Anita, coñecidos pola súa participación no programa de TVE Mira quien baila. Tamén estarán presentes os campións de España 2008, Sabrina Kacheroff e Miguel Ángel Bastida.

Os participantes en Salsorro tamén poderán gozar do musical Fantasía, creado por Fernando Sosa, da compañía Tropical Gem, e Marco Berreta, de Flamboyan Dancers. Fantasia ten dúas horas de duración e nel participan en escena 25 bailaríns e cantantes. Ademais poderán asistir a unha conferencia impartida por Albert Torres, organizador do congreso de salsa de Los Angeles, sobre a historia da salsa, na que porá música da súa colección privada que inclúe gravacións dende o ano 1912.

Salsorro 2008 inclúe no seu programa doce horas de talleres formativos con tres niveis diferentes, iniciación, intermedio e avanzado, para que poidan acudir ao evento tanto persoas que se están iniciando na salsa como persoas que levan anos bailando e queren mellorar o seu nivel. Tamén haberá unha decena de clases mestras e diversos seminarios para profesionais.

Salsorro ten como obxectivo consolidar a súa posición como un dos festivais de salsa máis importantes de Europa, xunto ao UK Crongress, o Congreso de Zurich e o Simposium de Madrid. Para a súa promoción internacional conta coa web www.salsorro.com, que ten versións en castelán, inglés, portugués e italiano. Nesta páxina web poden adquirirse as entradas ao Congreso, así como facer reservas de habitacións de hotel.

Compartir: