CULTURA

O espectáculo itinerante "Zancuda e monociclo" completa a presenza do clown no Festival dos Abrazos

06/08/2008 O espectáculo itinerante Zancuda e monociclo percorrerá o xoves 7, a partir das 12:00 horas, as rúas do casco vello compostelán. Partirán do Teatro Principal, na rúa Nova, cara á praza de Praterías, tras o que pasarán pola Quintana, de camiño á praza da Inmaculada. Dende alí, despois de ofrecer unha pequena actuación, sairán de novo cara á Acibechería, subirán ata a praza de Cervantes, baixarán de novo á Acibechería e pasarán pola Vía Sacra e pola Quintana no seu de camiño de volta cara á porta do Teatro Principal.

A súa intención é a de que a xente que pasee polas rúas da zona vella de Compostela redescubra os recunchos especiais da cidade da man dos zancudos e motociclistas que a percorrerán de arriba a abaixo. Con eles complétase a presenza destacada que tivo o clown na primeira semana do Festival dos Abrazos.

A compañía vasca Trapu Zaharra ofrecerá o mércores 6 pola tarde no parque Galeras a súa peza El Pisito, na que mesturan o humor acedo e a crítica social co convite á colaboración dos espectadores que caracteriza o seu traballo. Na primeira semana do Festival dos Abrazos participaron tamén a compañía galega Zancalino Produs, que fixo as delicias dos camiñantes co seu espectáculo Perigo: Zico, Zaca, Zuco buscando a mamá; a compañía catalana Good Idea Company, que combina elementos de maxia, percusión e clown en Yutt; o Capitán Maravilla; as arxentinas María del Aire, María Peligro e Miss Vero e máis da galega Isabel Martínez Risco, que protagonizaron a Galafeminina; e tres artistas de sona internacional como Fanny Cogorno (Arxentina), Azulkillas (Euskadi) ou Roi Sixto (Galicia), que se encargaron de entreter ao público coa Galamalabares.

Música
Ademais do clown, as artes plásticas, a maxia e o cine, outro dos pés fundamentais da programación do Festival dos Abrazos é a música, en todas as súas dimensións e procedencias. Despois do éxito dos Derviches de O Cairo, que convocaron o martes 5 a máis de 2.500 persoas na súa segunda noite na praza da Quintana, a percusión corporal dos brasileiros Barbatuques chegou o mércores 6 a Compostela, onde impartiron un obradoiro e ofrecerán un concerto ás 22:30 horas na Quintana. Completan o programa musical do día os tangos, os valses e as milongas de Tango Bar, na praza dos Gatos. Na xornada do xoves 7, a música chegará da man dos brasileiros Fredy Frevereiro Trío, que actuarán ás 22:30 horas na praza da Oliveira, e de Germán Díaz, que dará o seu primeiro concerto no Festival dos Abrazos, Pi, ás 21:00 horas en Bonaval.

Neste día, ocasión tamén para ver a maxia do Mago Gonzalo ás 20:30 horas na praza de Feixoo, con cinema en Bonaval e con Curtocircuíto na Rúa ás 22:30 horas.

Compartir: