TURISMO

O festival de Clermont Ferrand realiza unha selección especial para "Curtocircuíto na Rúa"

06/08/2008 Curtocircuíto na Rúa presenta o programa Carta Blanca Clermont Ferrand, o xoves 7 de agosto a partir das 22:30 horas, na praza das Praterías.

O Festival de curtametraxes de Clermont Ferrand, creado no ano 1979, é un dos máis importantes e prestixiosos do circuíto internacional, onde, en 2007, participaron 6.000 curtametraxes procedentes de todo o mundo. Conta con tres competicións: Internacional, Francesa e Labo. A proxección de Curtocircuíto componse de dez curtametraxes seleccionadas dentro da sección Labo, que é a que premia as propostas máis experimentais.

Proceden de Francia Cuisine e Le Saint Festin, de Bélxica Do-it-yourself e Plot Point, do Reino Unido Yours Truly, de Xapón Pikapika, Lightning Doodle Project, de España Hezurbeltak, unha fosa común, de Alemaña Energie!, de Canadá Terminus e de Arxentina Hoy no estoy.

Os asistentes a esta quinta sesión de curtametraxes ao aire libre poderán disfrutar dun programa moi variado, tanto pola procedencia das curtametraxes como pola diversidade formal que presentan. Tamén, terán a oportunidade de decidir cos seus votos cal será a curta gañadora do Premio do Público, dotado con 1.600 euros e un trofeo.

No caso de que a predición meteorolóxica non sexa favorable, Curtocircuíto na Rúa trasladase á Praza de Abastos. Todos os cambios, así como outra información de interese, anunciaranse na web do festival www.curtocircuito.org.

Compartir: