URBANISMO

O Concello dá o visto bo ás valoracións da expropiación da Casa do Cabildo

05/08/2008 A Xunta de Goberno tomou en coñecemento o prezo fixado pola Comisión pericial de expertos para a expropiación da Casa do Cabildo, que ascende a 2.289.170 euros. Esta cantidade será aboada polo Consorcio de Santiago, que asumirá o inmoble a fin de rehabilitalo.

Completada a expropiación, o Consorcio poderá acometer as obras de rehabilitación deste inmoble, situado nos números 5 e 6 da praza de Praterías e no número 1 da rúa da Raíña. O obxectivo do Consorcio é rehabilitar este edificio para convertelo en Centro de Información e Interpretación da Cidade, vinculado ao Museo da Cidade que estará ao carón, no antigo edificio do Banco de España..

Centro de Investigación Biomédica
Por outra parte, a Xunta de Goberno tomou coñecemento da sinatura da acta de ocupación de terreos cedidos ao Concello de Santiago de Compostela, en virtude do Convenio urbanístico para a obtención do equipamento universitario EU-2 (San Lourenzo). En virtude deste acordo, os propietarios ceden ao Concello tres parcelas, dun total de 10.846 metros cadrados, que posteriormente as cederá á Universidade.

As parcelas sitúanse no ámbito de San Lourenzo e figuran na revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal como terreos afectados como Sistema Xeral de Equipamento Universitario. Nestes terreos construirase o Centro de Investigación Biomédica da USC, que acollerá uns 200 investigadores. Grazas a este convenio, a Universidade pode por os terreos a disposición do Ministerio de Educación para que redacte o proxecto e licite a obra. A cambio desta cesión, a USC cederá ao Concello uns terreos en Galeras, onde se situará o futuro centro de saúde do casco histórico.

Terreos do Tanatorio
O Goberno local tamén deu o visto bo ao prezo xusto fixado no seu día polo Xurado de Expropiación Forzosa respecto da ocupación dos terreos para construír o Tanatorio, e que ascende a 424.252 euros. Así, requírese á sociedade mercantil adxudicataria, TRAP S.A o pago á Sociedade Tanatorio Boisaca S.L., como propietaria dos terreos, do importe de 208.969 euros máis os xuros devengados, que ata o 31 de decembro de 2008 ascenderían a 55.573 euros.

Igualmente, requírese ao Xurado Provincial de Expropiación os xuros devengados entre a data de entrada do expediente no Xurado Provincial (4 de outubro de 2001) e a da determinación do prezo xusto (6 de novembro de 2006).

Modificacións no SUNP-4
No ámbito urbanístico, outra das decisións foi a de aprobar inicialmente a modificación do Proxecto de urbanización do SUNP-4 do Camiño Francés. Os cambios teñen que ver con adaptacións topográficas, reubicación dunha zona de xogo, modificacións de rasantes, axustes no pavimento, formalización de accesos rodados, reforzamento da rede de sumidoiros, construción dunha escalinata, ou reubicación dunha illa de contedores soterrados, entre outras actuacións.

Compartir: