CIDADE HISTÓRICA

A Calzada de Sar achegarase ao seu aspecto orixinario

05/08/2008 O Consorcio de Santiago vai acometer a restauración da Calzada de Sar. Para iso, investirá 800.000 euros nun proxecto que foi aprobado pola Xunta de Goberno e que está pendente do informe de Patrimonio.

As obras tomarán como modelo as xa realizadas polo Consorcio nun tramo de catro metros ao longo da calzada realizadas anteriormente a modo de ensaio. Así, acometerase a reforma dun tramo de aproximadamente 455 metros, que vai dende Picaños ao cruceiro de Sar. Trátase dun tramo que, tanto ao comezo como ao final, atópase excesivamente transformado.

A actuación reparará este tramo e reurbanizará os tramos extremos. Restaurarase o pavimento de maior antigüidade mediante unha desmontaxe selectiva por tramos, recolocando posteriormente e achegando pedra de características semellantes de ser necesaria. Nas beirarrúas utilizaranse lousas graníticas. Tamén se contempla un muro de contención contra a finca da Cidade da Cultura, coas mesmas pezas que a beirarrúa e deixando aperturas para as escaleiras previstas no proxecto de Einsman.

Campaña de difusión da rede WIMAX
Tamén no ámbito da Cidade Histórica, a Xunta de Goberno adxudicou por 14.000 euros unha Campaña de comunicación do proxecto de implantación dunha rede WIMAX. Esta campaña pretende adiantarse á posta en marcha desta rede, informando aos cidadáns, dun xeito sinxelo, sobre as condicións deste servizo.

A campaña publicitaria inclúe a presenza da información en soportes como a páxina web municipal, mupis, trípticos, tarxetas ou anuncios televisivos.

Compartir: