MEDIO AMBIENTE

Proxecto para por en valor as carballeiras e fontes

05/08/2008 A Concellería de Medio Ambiente solicitará da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) unha subvención de 145.650 euros para acometer actuacións de restauración e posta en valor das carballeiras públicas de Nemenzo e Mourentán, do espazo de lecer en Verdía, e para a restauración de fontes en lavadoiros en Os Vilares, Garabal, A Sionlla, Aríns e Vilamaior. O orzamento total é de 224.077 euros e solicítase a subvención do 65% do custe total do proxecto.

Realizarase así o acondicionamento da carballeira de Nemenzo, actuando sobre una área de 7.450 metros cadrados, situada a carón do centro sociocultural da parroquia. Acometeranse tarefas de limpeza, aclareo e saneamento, para logo crear sendas en pavimentos naturais. Acoutarase a zona principal cun valo de madeira e plantaranse diversas especies arbóreas e arbustivas.

No caso da carballeira de Mourentán-Sabugueira, situada na estrada de Rodiño, eliminarase a maleza e limparase. Tamén se farán podas de formación e sanearanse os carballos, ademais de plantar novos exemplares. As obras inclúen o valado da zona e a colocación de mobiliario.

Ademais destas actuacións nas carballeiras, o proxecto comprende a restauración de fontes tradicionais e varios lavadoiros de Os Vilares, Garabal, A Sionlla, Aríns e Vilamaior.

Compartir: