INFRAESTRUTURAS

Máis de medio millón de euros para obras de limpeza das pistas do rural, rúas e beirarrúas

05/08/2008 O Goberno local aprobou diversas obras a acometer nos vindeiros meses en varias rúas e beirarrúas da cidade, así como actuacións de limpeza e desbroce de cunetas das pistas do Concello. En total, entre tres adxudicacións, supérase o medio millón de euros de investimento.

No caso das obras de limpeza e desbroce, o custo das mesmas é de 199.878 euros, destinados a eliminar a proliferación de maleza nas pistas debida ás condicións climáticas. As obras nas diversas parroquias do rural compostelán desenvolveranse nun período de seis meses.

Por outra parte, aprobouse o proxecto e iniciouse o expediente para contratar obras de reposición de pavimento en diversas beirarrúas da cidade, cun investimento de 199.577 euros e un prazo de execución de catro meses.

Algunhas das rúas afectadas por estas melloras son. Sánchez Freire, García Prieto, Vilagarcía, praza de Vigo, Santiago de Chile, Frei Rosendo Salvado, Montero Ríos, Xeneral Pardiñas (entre Montero Ríos e carreira do Conde), República Arxentina, A Rosa ou San Pedro de Mezonzo (entre A Rosa e República arxentina).

Mellora da seguridade vial no Avío
Outra das actuacións aprobada pola Xunta de Goberno foi a contida no proxecto da Deputación Provincial da Coruña para ensanchar e mellorar a seguridade vial na estrada CP7806, na denominada rampla ao Avío. O orzamento de licitación é de 131.941 euros.

Traballarase sobre os últimos 140 metros desta vía, xa que o tramo inicial, máis próximo á estrada de santa Comba, vai ser xa urbanizado no marco do SUNP-7 do Avío. As obras fixéronse necesarias ante a dificultade que a vía ofrece para o cruce de vehículos pesados ou autobuses con outros lixeiros e ante o importante tráfico peonil e de vehículos que soporta.

Procederase a ampliar a calzada e a dotar á vía de beirarrúas, mellorando así a seguridade da estrada. Haberá dous carrís de circulación de dous con cinco metros de ancho cada un e aceiras por cada marxe dun mínimo de metro e medio. Ademais, as obras contribuirán a mellorar a visibilidade.

Beirarrúa entre as rúas de Melide e Irmandiños
O Goberno local tamén deu o visto bo ao proxecto e adxudicou as obras de construción dunha beirarrúa na transversal entre a rúa de Melide e a rúa Irmandiños. O custo das obras é de 42.900 euros.

Esta nova beirarrúa dotará de seguridade á vía pública e aumentará ancho do vieiro, mediante o reforzo do firme e posterior estendido e compactado dunha nova capa de rodadura. O prazo de execución é de dous meses.

Compartir: