DEPORTES

Nova pista para o pavillón de Santa Isabel

05/08/2008 O Goberno local adxudicou as obras de substitución do pavimento deportivo de madeira no pavillón polideportivo de Santa Isabel, por importe de 151.000 euros e un prazo de execución dun mes e medio. O obxectivo é que a nova pista poida estar lista para o comezo das novas tempadas das diferentes competicións deportivas que alí se desenvolven.

Colocarase un pavimento de madeira dos considerados elásticos. Cumprirase así coas esixencias deportivas de determinadas competicións, ademais de garantir as condicións necesarias para o desenvolvemento dunha actividade física segura.

O novo pavimento substituirá ao actual, que está dende a inauguración do pavillón en 1983. O estado de conservación da superficie foise deteriorando durante estes case 25 anos de existencia. A día de hoxe esta superficie non ten a planimetría necesaria para unha correcta e segura práctica deportiva, nin prestacións axeitadas para o deporte de certo nivel competitivo a causa súa da extrema rixidez.

Vite
Ademais do de Santa Isabel, tamén se vai adecuar a pista deportiva do Pavillón Polideportivo de Vite. A actuación consistirá en pulir o parqué existente, de madeira de carballo, planificándoo e substituíndo as pezas deterioradas, ademais de dotalo dun barniz especialmente resistente á auga. O investimento na obra será de 19.635 euros.

A pista de Vite foi colocada hai uns sete anos e foi deteriorándose polo elevado uso que se fai destas instalacións. É a única acondicionada para a práctica do hockei a patíns. Tamén se pretende que a pista estea lista en setembro para o inicio dos distintos adestramentos e competicións.

Subvencións para actividades deportivas puntuais
Finalmente, tamén en materia de Deportes, a Xunta de Goberno aprobou un orzamento de 70.900 euros e as bases para as subvencións destinadas ao fomento de actividades deportivas puntuais. Estas axudas están destinadas a financiar, en parte, os gastos derivados da realización das actividades deportivas por parte de entidades locais, federacións deportivas e asociacións en xeral, non profesionais.

O prazo de admisión de solicitudes comezará ao día seguinte da publicación das bases no BOP e rematará o 30 de setembro. Presentaranse no Rexistro Xeral do Concello.

Compartir: