BENESTAR SOCIAL E MULLER

Convócanse axudas para o fomento do movemento asociativo e de defensa da muller

05/08/2008 O Goberno local aprobou as bases e a convocatoria de subvencións para o fomento do movemento asociativo e de defensa da muller para o ano 2008. Destínanse 25.000 euros a estas axudas

Estas subvencións destínanse aos programas e actividades que favorezan o desenvolvemento integral da muller, promovan a súa participación activa en todos os ámbitos e contribúan a facer efectiva a igualdade entre mulleres e homes. Son subvencionables programas que busquen: sensibilizar e potenciar a igualdade de oportunidades e trato, fomentar a corresponsabilidade nas tarefas do fogar, informar ás mulleres do eido rural sobre melloras do desenvolvemento produtivo, promover accións relacionadas coa saúde e benestar das mulleres, promover a práctica de actividades físicas, potenciar o asociacionismo feminino ou promover o acceso e uso das novas tecnoloxías.

As solicitudes deberán presentarse no Rexistro Xeral do Concello no prazo de 15 días a partir do día seguinte á publicación da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia.

Axuda no fogar
Na Xunta de Goberno acordouse tamén a aceptación dunha subvención de 97.506 euros da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para Axuda no Fogar (SAF). Ademais, procederase a modificar o contrato vixente coa empresa adxudicataria do SAF municipal, ampliando a contía do mesmo nun 20%, aplicando a parte proporcional desta subvención á prestación do servizo.

Acción voluntaria
Tamén se decidiu a realización dunha xornada de acción voluntaria no Concello, para a que se destina un orzamento de 7.000 euros. O obxectivo desta xornada é reflexionar sobre os modelos de acción voluntaria e planificar accións conxuntas. Preténdese fortalecer o tecido asociativo xa existente e estimular a participación da cidadanía no mesmo.

Plan de Desenvolvemento Xitano
Finalmente, deuse conta da concesión dunha dunha subvención de 36.000 euros pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para financiar proxectos de intervención social no marco do Plan de Desenvolvemento Xitano.

Compartir: