CULTURA

O público enche a praza da Quintana para participar no espectáculo de música e danza sufí dos Derviches de O Cairo

05/08/2008 Unhas 1.500 persoas ateigaron a praza da Quintana para participar no envolvente espectáculo de danza sufí co que abriron os Derviches de O Cairo o seu paso polo Festival dos Abrazos. A variante que ofreceron os artistas exipcios desta danza de orixe turca denomínase altanura pola saia do bailarín, que pesa case 11 quilos e que está chea de cores, ao contrario que a danza turca, que se baila con chilabas brancas ou negras.

Os Derviches de O Cairo danzaron durante máis dunha hora, acompañando o baile coa música en vivo de instrumentos tradicionais de Exipto como a rababa, o nay, o dof, o sagat e o tar. A Porta Santa da Catedral de Santiago de Compostela e as campás da Berenguela foron tamén destinatarias das "cancións relixiosas e folclóricas, como se fosen rezos musicais para Deus" dos Derviches, tal e como as describiu o seu director Ahmed.

O espectáculo, que se estrutura en tres partes –música, danza sufí e danza artística-, púidose ver de novo o martes 5 ao mediodía polas rúas da cidade vella, onde fixeron un pasarrúas saíndo de Bonaval e pasando pola Porta do Camiño, Casas Reais, praza de Cervantes e a praza da Inmaculada ata chegar ao Obradoiro. Pola noite, o pasarrúas saiu ás 21:30 horas de Porta Faxeira e atravesaron a rúa do Vilar ata chegar á praza da Quintana onde a partir das 22:30 horas deron un novo espectáculo.

O mércores 7 será o último día que se poderá gozar das danzas sufíes neste Festival dos Abrazos. Novamente haberá un pasarrúas ás 11:30 horas que sae de Cervantes e chega á praza das Praterías, pasando pola praza de Abastos, Mazarelos, Horfas, praza do Toural e rúa do Vilar e, xa pola noite, ás 22:30 horas, pecharán o seu paso por Compostela cun espectáculo na praza do Toural.

Máis música, maxia e clown
A música corporal dos brasileiros Barbatuques chegou a Compostela. Os brasileiros ofrecerán unha única actuación, o mércores 6 ás 22:30 horas, da noite na praza da Quintana. Máis música chegará nesa xornada da man de Tango Bar a partir das 22:30 horas na praza dos Gatos. Por outra banda, celebrarase a Primeira Performance do Festival no CGAC, e o Mago Gonzalo estará enchendo de maxia Tras Salomé a partir das 20:30 horas.

O clown púxoo o luns a compañía catalana Good Idea Company, que ateigou de público a praza de San Miguel co seu espectáculo Yutt, e o martes a música, o baile e as acrobacias dos galegos Zancalino, que ofreceron un pasarúas pola cidade vella. O mércores, ás 18:00 horas, serán os vascos Trapu Zaharra os que leven o seu clown con contido social ao parque de Galeras.

Compartir: