MEDIO AMBIENTE

A Concellaría do Medio Ambiente impulsa a implantación dun sistema de auditoría ambiental para Parques e Xardíns (EMAS)

01/08/2008 No DOGA de 31 de xullo publicouse a resolución pola que a Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental concede unha subvención de 5.441 euros ao Concello de Santiago para a adhesión da área de Parques e Xardíns do Concello ao mantemento nun sistema comunitario de xestión e auditoría ambiental (EMAS). A axuda tiña sido solicitada pola Concellaría do Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentábel.

No total son 18 os concellos galegos que reciben a axuda nesta convocatoria, sendo Compostela a única das sete grandes cidades que implantarán o EMAS neste exercicio. Esta axuda encádrase no compromiso adquirido polo Concello coa súa adhesión á Carta de Aalborg en 2000 (Axenda 21 Local) de camiñar cada o desenvolvemento sustentábel.

Con esta axuda cubrese máis dun 50% do orzamento total do proxecto, que ascende a 10.132 euros. Esta cantidade destinaranse á contratación da empresa especializada para a realización dos traballos de consultoría para implantación dos sistemas de xestión ambiental EMAS, e para a validación por unha entidade acreditada ENAC.

Co sistema EMAS promóvese a mellora continua do comportamento ambiental, a avaliación sistemática, periódica e obxectiva do sistema, a información ao público e ás partes interesadas e a formación e a implicación activa dos traballadores. Optouse pola área de Parques e Xardíns posto que a empresa que xestiona o servizo xa conta á súa vez con certificación ISO 14001.

Compartir: