EDUCACIÓN

Vinte e catro rapaces parten cara a Fervenza do Toxa (Silleda) para participar en "AnimaLingua"

01/08/2008 Os 24 participantes no programa "AnimaLingua" partiron dende a dársena de autobuses de Xoán XXIII cara a granxa-escola da Fervenza do Toxa, en Silleda, onde estarán ata o 13 de agosto. Os nenos e nenas, de entre 8 e 11 anos, vivirán así unha singular experiencia que busca que se expresen en galego ao tempo que coñecen o funcionamento dunha granxa ou se inician nas tarefas propias dunha horta ou dun invernadoiro.

Na Fervenza do Toxa, os rapaces participarán en 13 intensas repletas de actividades de granxa, horta e invernadoiros, forno, talleres, excursións e xogos, que se desenvolverán en galego. Posto que están nunha granxa-escola, terán gran relevancia as actividades con animais, o que lles permitirá coñecer as diferentes especies que viven na granxa, o seu coidado e características, así como a súa achega á vida das persoas.

Neste campamento tamén aprenderán a traballar a horta e o xardín, coñecendo as especies que se cultivan, os apeiros de labranza e os coidados necesarios como a compostaxe, a fertilización ou o coñecemento de enfermidades e pragas.

Haberá tempo para os obradoiros de artesanía, de transformación de alimentos e, tamén para os de contido lingüístico, onde reflexionarán e tratarán de superar os prexuízos que arredor da lingua vaian xurdindo.

Compartir: