ALCALDÍA

Sánchez Bugallo: "O apoio da Xunta á presenza en Xangai implica que se converte nun proxecto do conxunto do país"

01/08/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, valorou moi positivamente o balance do acontecido durante o mes de xullo na cidade en diversos ámbitos. Así, expresou a súa satisfacción por cuestións como o respaldo do Consello da Capitalidade á presenza de Santiago na Expo Xangai 2010, a aprobación do texto definitivo do Plan Estratéxico ou o avance de infraestruturas coma o paso inferior do Hórreo ou o segundo tramo do colector xeral.

Sobre o Consello da Capitalidade, o alcalde referiuse á creación das comisións de traballo que abordarán a presenza de Santiago na Expo Xangai 2010 e os aspectos operativos do vindeiro Ano Santo. Sobre a primeira apuntou que "o apoio da Xunta non só supón a implicación económica, senón que se converte nun proxecto do conxunto do país". Neste sentido, engadiu que "é un paso fundamental para facer viable esta presenza". Ao respecto da segunda comisión, considerouna fundamental para asegurar a "chegada, saída, estanza, seguridade e atención" dos millóns de visitantes que chegarán a Santiago en 2010.

No capítulo de infraestruturas, Sánchez Bugallo anunciou que as obras do paso inferior do Hórreo comezarán a primeiros de setembro. Tamén recordou como moi positiva a adxudicación do segundo tramo do colector da cidade, e anunciou a inminente exposición pública do proxecto da depuradora da Sivouta.

Plan Estratéxico e PXOM
Dous temas de capital importancia para o futuro da cidade, o Plan Estratéxico e o PXOM avanzaron igualmente neste mes de xullo. Así, a Comisión de Dirección do Plan Estratéxico deu o visto bo ao documento e unicamente quedará o trámite da ratificación polo Consello Económico e Social (CES), que previsiblemente terá lugar na primeira quincena de setembro, e decidir cal será o órgano que se encargue do seu seguimento. "Queremos que os seus obxectivos sexan asumidos polo conxunto da sociedade", indicou o rexedor municipal a propósito dun Plan que garantirá "12 anos nunha dirección clara".

En canto ao PXOM, o compromiso da Consellería de Política Territorial era ter a súa resolución definitiva antes do 31 de xullo, polo que o alcalde estimou que a mesma se producirá de xeito inmediato. Ademais, expresou a súa confianza en que "se aprobe o 100% do Plan; ben o merece, por ser un Plan modélico e exemplar".

AVE e duplicación da AP-9
Tamén se referiu Sánchez Bugallo á xuntanza entre o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o presidente do Goberno español, José Luis Rodríguez Zapatero. Así, valorou o compromiso de que en 2009 estean licitados os nove tramos entre Zamora e Ourense. Ao respecto doutro tema da reunión, a ampliación dos tramos urbanos da AP-9, agarda que "en setembro queden resoltas" as negociacións entre o Ministerio de Fomento e a empresa concesionaria, malia ser un "tema delicado", por ter a concesionaria a explotación máis alá do 2040. En todo caso, incidiu en que "é un tema fundamental no caso de Santiago para evitar colapsos e para conectar a autovía da Estrada e a Cidade da Cultura".

Compartir: