CULTURA

O VI Ciclo de Lied de Santiago comeza no Teatro Principal con Italia como fío conductor

15/09/2005 Mañá venres 16 de setembro, ás 21 horas comeza no Teatro Principal de Santiago a sexta edición do Ciclo de Lied Santiago de Compostela que organizan a Concellería de Cultura do Concello de Santiago e a Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza. Os protagonistas deste concerto inaugural (o primeiro dos catro recitais líricos dos que consta o ciclo) serán dous novos cantantes de gran proxección, Malin Christensson e Ronan Collett, e o pianista Roger Vignoles.

Malin Christensson é unha soprano sueca formada no Royal College of Music que recentemente acadou grandes éxitos nos festivais de Inssbruck e Aldeburgh e que proximamente debutará nos festivais de Viena e Aix en Provence. O barítono inglés Ronan Collett, que se formou en Cambridge e na Royal Academy of Music londinense, foi o primeiro músico en ser distinguido como Young Artist do prestixioso Wigmore Hall. Ó seu carón no escenario estará Roger Vignoles, prestixioso pianista inglés ben coñecido polo público compostelá que confirma a súa estreita vinculación a este Ciclo de Lied Santiago de Compostela participando nos catro concertos deste ano e ofrecendo unha conferencia.

Neste primeiro concerto poderemos escoitar unha obra de infrecuente difusión nos nosos teatros e auditorios, a versión integral do Italienisches Liederbuch de Hugo Wolf. Este Cancioneiro Italiano é unha fermosa colección de coarenta e seis cancións composta por Wolf entre 1890 e 1896 tomando como base os poemas escritos por Paul Heyse a partir de orixinais populares italianos (toscanos, corsos, venecianos, umbros, ligures, piemonteses...).

"Un soño de Italia" é o título da sexta edición deste Ciclo de Lied que nos adianta o que será a temática común dos catro recitais: a inspiración que a poesía, a arte e as paisaxes italianas provocaron en boa parte dos máis importantes autores no xénero de lied. Así, atoparemos a fermosa música de autores tan senlleiros como Franz Schubert, Hugo Wolf, Edvard Grieg, Benjamin Britten, Joseph Marx, Gabriel Fauré, Franz Liszt, Richard Strauss e Vincenzo Bellini xunto a compositores italianos do século XX escasamente difundidos como Mario Castelnuovo-Tedesco ou Ermanno Wolf-Ferrari.que será interpretada por artistas de recoñecido prestixio internacional como Laura Claycomb, Andrew Kennedy, Hakan Vramsmo, Ronan Collett, Malin Christensson e Roger Vignoles.

O V Ciclo de Lied Santiago de Compostela continuará a próxima semana cun concerto do tenor Mark Padmore no que interpretará obras de Schuber, Britten, Liszt e Brahms (venres 23 de setembro, 21:00 h. no Teatro Principal).

Compartir: