CULTURA

O Festival dos Abrazos leva máis 100 eventos a 31 lugares da cidade durante o mes de agosto

31/07/2008 A concelleira de Cultura e Centros Socioculturais, Socorro García Conde, presentou na praza do Obradoiro o programa completo do Festival dos Abrazos que se desenvolverá durante todo o mes de agosto en 31 lugares da cidade.

García Conde salientou a variedade e calidade do programa de actividades culturais e artísticas que compoñen o Festival dos Abrazos. Serán máis de 100 accións culturais que van dende a música e as artes plásticas ata a danza ou o cinema.

Organizado pola Concellaría de Cultura e pola Consellaría de Cultura da Xunta, o Festival nace coa vontade de lles ofrecer tanto aos creadores como á sociedade un espazo no que se recoñecer e no que coñecer outras culturas a través de propostas artísticas plurais.

O certame preséntase como un proxecto aberto, dinámico e imaxinativo que xorde coa vontade de medrar da man dos axentes culturais da cidade, ata se converter nun encontro imprescindible para a creación artística europea, nunha oportunidade única para compartir a nosa singularidade coas outras culturas.

A concelleira repasou algunhas das citas máis salientables do Festival dos Abrazos. O certame iníciase o venres 1 de agosto con Galamalabares, un concerto da Xove Orquestra Árabe-Xudía e a actuación ao vivo do grupo Nora Luca. Nas seguintes datas chegaralle a oportunidade aos Derviches do Cairo, a Sacra (Danza), ao jazz xaponés, aos Barbatuques do Brasil ou ao Circolando de Portugal.

Documentos relacionados



Compartir: