TURISMO E CULTURA

"Curtocircuíto na Rúa" presenta curtas gañadoras de máis de 100 premios internacionais

30/07/2008 Curtocircuíto na Rúa, o ciclo de curtas ao aire libre organizado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo e a Concellaría de Cultura, presenta o programa A Volta ao Mundo, que se proxectará o xoves 31 de xullo no Cemiterio de Bonaval a partir das 22:30 horas. O programa componse de sete curtametraxes internacionais gañadoras de máis dun centenar de premios.

Un xoves máis, os espectadores de Curtocircuíto na Rúa terán a oportunidade de decidir cos seus votos cal será a curta gañadora do Premio do Público que se entregará na Gala de Entrega de Premios que clausurará o Festival o 24 de outubro.

En caso de choiva, Curtocircuíto na Rúa trasladase á Praza de Abastos. Os cambios anunciaranse na web do festival www.curtocircuito.org a mañá do xoves.

O ciclo de curtas continúa en agosto, cando se proxectará unha selección de curtas do Festival de Clermont-Ferrand, vídeos musicais e as mellores curtas feitas en España.

O 28 de agosto na praza da Quintana, o DJ Ollie Teeba, do grupo The Herbaliser, e os VJs galegos D-Rndm ofrecerán unha sesión única de videocreación en directo que porá punto final ás actividades de verán de Curtocircuíto.

O festival compostelán regresará na súa Semana Oficial de outubro con máis curtas, obradoiros de formación, exhibicións, o III Mercado Internacional de Curtas e moitas outras actividades relacionadas co cinema de curta duración.

Compartir: