ALCALDÍA

O alcalde expresa o apoio municipal á Alianza de Civilizacións

29/07/2008 O alcalde compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, recibiu en Raxoi a Máximo Cajal, ex diplomático e representante de España na Alianza de Civilizacións. Ambos tiveron unha longa conversa, na que non faltou un completo repaso á actualidade internacional.

Sánchez Bugallo expresoulle a Máximo Cajal o apoio municipal á Alianza de Civilizacións e aos valores que esta iniciativa representa. Ademais, ofreceulle a colaboración en canto á difusión desta Alianza, que aposta polo multilateralismo, polo reforzo do papel das Nacións Unidas e por buscar espazos comúns na actuación política.

Máximo Cajal ten unha longa carreira de máis de 35 anos, na que desempeñou postos como o de director xeral da Oficina de Información Diplomática ou de embaixador en Guatemala, Suecia, Francia, Portugal e OTAN, ademais de cónsul xeral de España en Nova York. Tamén ostentou distintas responsabilidades no Ministerio de Exteriores. Actualmente xubilado, é o representante persoal do presidente do Goberno, José Luis Rodríguez Zapatero para a Alianza de Civilizacións.

Compartir: