CONSORCIO

O Consorcio e a USC poñen en marcha a terceira edición do Programa ConCiencia

28/07/2008 O presidente do Consorcio e alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro, asinaron o convenio de colaboración para a realización da terceira edición do Programa ConCiencia de divulgación científica. No acto participaron ademais o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, e o profesor da USC e coordinador de ConCiencia, Jorge Mira.

Esta nova edición transcorrerá entre os meses de outubro e novembro de 2008, coa participación de figuras do máximo nivel, ademais de convocarse a segunda edición do Premio Fonseca de divulgación científica que promoven a USC e o Consorcio de Santiago ao abeiro do propio Programa ConCiencia.

A propósito deste premio, Sánchez Bugallo indicou que "é un privilexio e un reto" que o primeiro galardoado sexa Stephen Hawking, "quen deixa o listón moi alto e nos fará traballar para acertar quen veña despois". Tamén valorou a consolidación do Programa ConCiencia e auguroulle un próspero futuro.

Ao Premio Fonseca tamén se referiu o reitor ao resaltar que "quen fai importante un premio son os premiados". "Buscamos o número 1 e este aceptou; un premio que na súa primeira edición leva Stephen Hawking é difícil que logo o rexeite outra persoa", apuntou Senén Barro. Ademais, manifestou que este é un galardón "que aposta polo prestixio de Santiago e da súa Universidade, e que deixará unha pegada na cidade".

No acto participaron ademais o xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva, e o profesor da USC e coordinador de ConCiencia, Jorge Mira, quen explicou o programa do premiado na súa estancia en Santiago. Ademais, recordou que tanto Stephen Hawking como o Camiño de Santiago son premios Príncipe de Asturias da concordia.

Divulgación do saber científico
Difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que intercambiar coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresalientes do ámbito internacional, é o obxectivo do Programa ConCiencia. Dende 2006, esta convocatoria trae á cidade a persoeiros da máxima relevancia científica, a maioría deles Premios Nobel ou recoñecidos cos galardóns equivalentes nas súas respectivas disciplinas. A presenza na capital de Galicia das máis eminentes personalidades da Física, a Química, as Matemáticas e a Medicina favoreceu os vínculos xa existentes co cadro de investigadores da Universidade.

Nas dúas anteriores edicións participaron en ConCiencia os Premios Nobel de Física en 1986, Heinrich Rohrer; de Medicina e Fisioloxía en 1981, Torsten N. Wiesel; de Química en 1991, Richard R. Ernst; de Física en 2004, Frank Wilczek; de Economía en 1994, John Nash; o de Medicina en 1989, Harold Varmus; así como o Premio Abel en 2005, Peter Lax, e Michael F. Atiyah, merecedor da Medalla Fields.

Premio Fonseca
Por outra parte, xa se coñece o programa da visita que realizará a Santiago Stephen Hawking para recoller o Premio Fonseca. A cerimonia oficial de entrega do galardón terá lugar na tarde do sábado, 27 de setembro, no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia.

Mais a súa visita comezará a comezos desa semana cun amplo programa de actividades pola cidade. Así, o martes 23 descubrirá unha placa no Parque de San Lázaro e aproveitará para realizar un pequeno tramo do Camiño de Santiago. Xa na tarde do mércores 24 reunirase na Facultade de Física con investigadores da USC.

A axenda prevista para o venres 26 inclúe a presentación en España do seu último libro A clave secreta do universo nun acto a celebrar no Instituto compostelán Rosalía de Castro. Aproveitará ademais para falar doutra publicación, Unha brevísima historia do tempo, que xa fora presentada no 25 aniversario dos Premios Príncipe de Asturias.

O científico británico Stephen Hawking, recoñecido polos seus traballos sobre os buracos negros no Universo e por ser un dos maiores divulgadores da ciencia que existen na actualidade, foi galardoado co Premio Fonseca 2008 na súa primeira edición. O xurado recoñeceu "a súa excepcional mestría na popularización de conceptos complexos da Física no borde último da nosa comprensión do Universo, combinada coa máis alta excelencia científica".

Stephen Hawking
Nado en 1942 en Oxford, Hawking ocupa dende os seus 37 anos a célebre cátedra Lucasiana de Matemáticas do Departamento de Matemática Aplicada e Física Teórica da Universidade de Cambridge que, fundada en 1663, foi ocupada entre outros por Isaac Newton e o premio Nobel de Física Paul Dirac.

Aos 21 anos foille diagnosticada unha Esclerose Lateral Amiotrófica (ELA) que lle dexenerou de xeito progresivo as células do sistema nervioso encargadas do movemento muscular voluntario, chegando a unha situación de parálise case absoluta na que só se pode comunicar a través da súa cadeira de rodas, cun sintetizador de voz incorporado que responde aos movementos dunha das súas pálpebras.

Esta total incapacidade de movementos non impediu que o profesor Hawking desenvolvese unha actividade ao máximo nivel científico no eido da Física Teórica, pola que recibiu os máis prestixiosos recoñecementos. As súas principais achegas céntranse na análise de buracos negros e na Teoría da Relatividade Xeral de Einstein, na que se enmarca o seu traballo sobre o espazo-tempo que deu sustento matemático á teoría do Big-Bang.

Stephen Hawking destaca tamén polo seu relevante labor de divulgación científica. O seu libro A brief history of time (Unha breve historia do tempo) foi un best-seller mundial con máis de dez millóns de exemplares vendidos. Precisamente este labor de divulgación así como a súa "importantísima imaxe pública" foron as claves que determinaron que o xurado lle concedese este galardón na súa primeira edición.

Documentos relacionados



Compartir: